SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á CREACIÓN OU MELLORA DE INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTOS NOS CONCELLOS DE GALICIA 2018. PRAZO: 04-06-2018

Data: 

sábado, 5 Maio, 2018 (Todo o día) a luns, 4 Xuño, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 25 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018 (código de procedemento MT300A). BDNS (Identif.): 396142.

Finalidade

Esta orde, con código de procedemento MT300A, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia para as seguintes actuacións:

1. Serán subvencionables os investimentos na creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que se indican a seguir:

a) Obras de equipamentos públicos.

b) Equipamentos públicos.

c) Humanización de rúas.

d) Humanización e mellora de espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións para as que se solicite a subvención deberanse iniciar no presente exercicio 2018, e poderán estender a súa execución, tendo en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 12 da convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, conforme as condicións que se especifican no artigo 12 da orde de axudas.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter remitidas as contas do concello, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

2. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3. Que a entidade solicitante acredite a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

Crédito e importe máximo das subvencións

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2018 07 04 521A 7620 (código de proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, destinándose para tal finalidade un total de catro millóns trescentos oitenta e un mil cincocentos corenta e tres euros (4.381.543,00 euros), distribuídos nas seguintes anualidades:

2018: 2.882.373,00 euros.

2019: 1.499.170,00 euros.

2. A axuda económica que se conceda acadará ata a porcentaxe establecida no parágrafo 3 deste artigo, co límite máximo de cincocentos mil euros (500.000 euros) por concello (IVE engadido), ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

3. A axuda económica concederase de conformidade co establecido nos artigos 7 e 8 da presente orde e poderá chegar a acadar unha porcentaxe do investimento realizado polo concello, ata que se esgote o crédito conforme o seguinte:

a) Concellos cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes o 100 % do investimento.

b) Concellos con máis de 5.000 e ata 20.000 habitantes o 80 % do investimento.

c) Concellos con máis de 20.000 e ata 50.000 habitantes o 70 % do investimento.

d) Os concellos de máis de 50.000 habitantes o 50 % do investimento.

Para estes efectos, considerarase o número de habitantes o recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1039/2017, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2017.

4. No caso de producirse o esgotamento do crédito orzamentario correspondente á anualidade 2019, poderá resolverse a concesión de subvencións respecto daquelas solicitudes referidas unicamente a actuacións que se executen integramente no exercicio 2018, sempre que non estivese esgotado o crédito da dita anualidade 2018. Os beneficiarios deberán contemplar as actuacións e o seu cofinanciamento na mesma anualidade orzamentaria que o órgano concedente da axuda.

5. Unha vez esgotada a contía máxima fixada no número 1 deste artigo, así como, de ser o caso, os aumentos de crédito efectuados, publicarase o esgotamento da contía máxima fixada e acordarase a inadmisión das posteriores solicitudes; a dita publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Descargas: