SUBVENCIÓNS DESTINADAS A REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 30-04-2018

Data: 

xoves, 29 Marzo, 2018 (Todo o día) a luns, 30 Abril, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2018. BDNS (Identif.): 389234.

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT215A).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Os programas e actividades culturais obxecto da presente convocatoria terán un carácter libre e gratuito para o público asistente.

Quedan excluídas do obxecto desta convocatoria as seguintes actividades:

– As programacións culturais de carácter xeral.

– Os cursos e actividades de formación e divulgación, como talleres, seminarios, conferencias, encontros ou similares.

– Os proxectos de carácter exclusivamente académicos ou gremiais e os actos conmemorativos.

– Os premios e as galas.

– As actividades internas das entidades, dirixidas a un público propio.

– As actividades lúdico-deportivas.

– As festas patronais.

– As feiras sectoriais.

– As actividades de promoción turística.

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entidades beneficiarias

Institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas e agrupacións de concellos que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria.

Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000,00 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes: 10.20.432B.481.2, por un importe inicial máximo de 30.000,00 euros para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 10.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000,00 euros para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000,00 euros que, en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000,00 euros ascenderá a 7.500,00 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, isto é, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Descargas: