SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 12-03-2019

Data: 

mércores, 13 Febreiro, 2019 (Todo o día) a martes, 12 Marzo, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura e Turismo 

ORDE do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT215A). BDNS (Identif.): 438742.

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2019, de acordo co establecido na presente orde.

2. Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva ao espallamento e promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos clave da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

3. Os festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais obxecto de subvención deben cumprir cos seguintes requisitos:

– Ter unha duración mínima de dous días consecutivos e un máximo seis.

– O orzamento destinado á contratación artística non superará o 50 % do orzamento do proxecto presentado e o importe por actuación non superará en ningún caso os 5.000 euros.

– A programación contará, cando menos, cun 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e/ou compañías galegas.

– O proxecto obxecto de subvención debe ter un carácter libre e gratuito para o público asistente.

O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante unha declaración responsable que acompañará á solicitude (anexo I).

4. Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 2, que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 31 de outubro de 2019.

5. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

6. O procedemento de concesión de subvencións regulado na presente orde ten o código CT215A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios específicos, de uso obrigatorio para os interesados.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:

a) Institucións sen ánimo de lucro.

b) Entidades locais.

As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Financiamento e contía das subvencións

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, seguintes: 11.20.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 euros, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro e 11.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 euros, para o grupo de solicitantes de entidades locais. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2019.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros que, en ningún caso, poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto a realizar. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local de acordo co establecido no artigo 3 desta orde.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Premios e galardóns oficiais.

e) Gastos de viaxes, aloxamento e manutención das persoas participantes nas actividades propostas. Estes gastos deberán especificarse motivadamente no orzamento.

2. Os ditos gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2019.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Descargas: