SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INFRAVIVENDA DO PLAN REHAVITA: PLAN GALEGO DE REHABILITACIÓN, ALUGAMENTO E MELLORA DE ACCESO Á VIVENDA 2015-2020. PRAZO: 31-10-2017

Data: 

mércores, 31 Maio, 2017 (Todo o día) a martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Infraestruturas e Vivenda 

ORDE do 11 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI406A) e se convocan para o ano 2017. BDNS (Identif.): 347659.

Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que habiten, en condicións de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.Estas actuacións poden afectar os elementos exteriores, as condicións estruturais e de seguranza, a habitabilidade e/ou a accesibilidade da edificación ou vivenda.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes.

2. Para poder ser beneficiarios destas subvencións os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no cal o seu prazo de presentación estivese vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións que se realizarán deberanse axustar á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os seis meses.

4. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.0, por importe de 500.000 euros, e con cargo á anualidade 2017 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

 

Descargas: 

galer_a_fotos