SUBVENCIÓNS DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO PARQUE DE VIVENDAS EN ALUGAMENTO E DE FOMENTO DE VIVENDAS PARA PERSOAS MAIORES E PERSOAS CON DISCAPACIDADE DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021. PRAZO REACTIVADO: 15-06-2020

Data: 

venres, 7 Febreiro, 2020 (Todo o día) a luns, 15 Xuño, 2020 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019 pola que se convocan, para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos Programas de fomento do parque de vivenda en alugamento e de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI432C e VI432D).

Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos seguintes programas:

a) Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI432C.

b) Programa para o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade previstas no capítulo X do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan 2018-2021, que se tramitará co código de procedemento VI432D.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria establécense nas seguintes resolucións:

1. Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 115, do 19 de xuño (código de procedemento VI432C).

2. Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con financiamento plurianual (DOG núm. 115, do 19 de xuño), (código de procedemento VI432D).

Persoas beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público – privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

b) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

c) Ademais, para as axudas do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (código de procedemento VI432C), as persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

2. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

c) No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

d) No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do Texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Requisitos e prazo para a execución das actuacións

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas destes dous programas as promocións que reúnan os requisitos esixidos polos ordinais décimo primeiro da correspondente resolución pola que se establecen as bases reguladoras.

2. O número mínimo de vivendas que deberán ter as promocións financiadas con cargo ao Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (código de procedemento VI432C) será de cinco. No caso do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade (código de procedemento VI432D) será de oito.

3. As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade do 1 de xaneiro de 2020 e non poderán estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

4. O prazo para executar as obras correspondentes a actuacións financiadas con cargo a esta convocatoria non poderá exceder de 18 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución de concesión e, en todo caso, non poderá exceder do 30 de novembro de 2021.

Prazo: Reactívase o prazo de presentación de solicitudes que rematará o 15 de xuño de 2020 (publicado no DOG Nº. 97, do 20 de maio de 2020)

 

Descargas: