SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES COLABORADORAS DA REDE EUSUMO PARA ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E IMPULSO DO COOPERATIVISMO E DA ECONOMÍA SOCIAL 2018-2019. PRAZO: 05-03-2018

Data: 

martes, 6 Febreiro, 2018 (Todo o día) a luns, 5 Marzo, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

ORDE do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2018 e 2019. BDNS (Identif.): 379383.

Obxecto 

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde:

a) As asociacións de entidades de economía social.

b) Os concellos de Galicia, e as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.

c) As cámaras de comercio.

d) As universidades.

e) As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.

As entidades beneficiarias deben ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición de convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social e se regula o seu funcionamento, con anterioridade á publicación da orde de convocatoria.

Actividades subvencionables

Son subvencionables as actividades de carácter informativo, divulgativo, formativo e de asesoramento dirixidas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir en:

a) Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto dar a coñecer os principios e características propias da economía social ou dalgunha das tipoloxías de entidades que a conforman, mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento, así como formar o persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

b) Organización de actividades de difusión como xornadas, conferencias, simposios, charlas ou visitas formativas.

c) Celebración de feiras, mostras e congresos.

d) Celebración de encontros entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, dirixidas á mellora da xestión, aos intercambios comerciais, á intercooperación para a posta en marcha de actividades, á obtención de financiamento e outras que contribúan de xeito directo á consolidación dos proxectos de economía social.

e) Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos ou consolidación do negocio, realizadas de conformidade co «Itinerario do emprendemento en economía social» para o asesoramento en economía social http://eusumo.gal/asesoramento. Estas actividades serán subvencionables sempre que se acadasen un mínimo de 10 horas de asesoramento e se completasen os bloques I (presentación do proxecto) e II (deseño do modelo de negocio) do dito itinerario, e se teña iniciado ou derivado a outra entidade para o inicio do seguinte bloque.

f) Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos.

g) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

h) Elaboración de plans estratéxicos de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social.

i) Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.

Contía

O orzamento total ascende a un millón cento vinte e catro mil euros (1.124.000,00 €), distribuído en dúas anualidades: anualidade 2018, 650.000,00 €; anualidade 2019, 474.000,00 €.

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades.

2. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

a) Unha cantidade máxima de 3.000,00 euros por cada actividade divulgativa ou formativa a que se refire o artigo 7.a) e 7.b), cun custo máximo de douscentos euros (200,00 €) por hora de duración efectiva para a primeira edición das actividades e cento cincuenta euros (150,00 €) por hora para as segundas e sucesivas edicións dunha mesma actividade.

Os gastos de material e papelaría e fotocopias será elixible ata o límite de 8 €/por cada alumno/a con asistencia acreditada de acordo co sinalado no artigo 8.2.1 desta orde.

b) Celebración de encontros a que se refire o artigo 7.d): 1.500,00 euros por cada actividade.

c) Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social, a que se refire o artigo 7.e): ata un máximo de 20,00 euros por hora de atención e 2.000,00 euros por itinerario completado.

3. A contía máxima da axuda por todos os conceptos subvencionables non poderá exceder dos 100.000,00 euros por anualidade para cada entidade beneficiaria. Non obstante, se, unha vez atendidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos previstos nesta orde para acceder ás axudas, quedan remanentes de crédito, poderá procederse á súa distribución, seguindo a orde de prelación existente, e ata un máximo de 70.000,00 euros adicionais por anualidade e entidade beneficiaria. 

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: