SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES COLABORADORAS DA REDE EUSUMO PARA REALIZAR ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN E IMPULSO DO COOPERATIVISMO E A ECONOMÍA SOCIAL 2019-2020. PRAZO: 07-03-2019

Data: 

venres, 8 Febreiro, 2019 (Todo o día) a xoves, 7 Marzo, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 31 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2019 e 2020. BDNS (Identif.): 438032.

Obxecto 

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A).

Entidades beneficiarias

– As asociacións de entidades de economía social.

– Os concellos de Galicia e as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.

– As cámaras de comercio.

– As universidades.

– As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.

As entidades beneficiarias deben ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición de convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social e se regula o seu funcionamento, con anterioridade á publicación da orde de convocatoria.

Contía

O orzamento total ascende a seiscentos trinta e tres mil corenta e cinco euros (633.045,00  €), distribuído en dúas anualidades: anualidade 2019, 178.045,00 €; anualidade 2020, 455.000,00 €.

Actividades subvencionables

Son subvencionables as actividades de carácter informativo, divulgativo, formativo e de asesoramento dirixidas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social. A título orientativo as actividades poderán consistir en:

a) Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto dar a coñecer os principios e características propias da economía social ou dalgunha das tipoloxías de entidades que a conforman, mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento, así como formar o persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

b) Organización de actividades de difusión como xornadas, conferencias, simposios, charlas ou visitas formativas.

c) Celebración de feiras, mostras e congresos.

d) Celebración de encontros entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, dirixidas á mellora da xestión, os intercambios comerciais, a intercooperación para a posta en marcha de actividades, a obtención de financiamento e outras que contribúan de xeito directo á consolidación dos proxectos de economía social.

e) Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos ou consolidación do negocio, realizadas de conformidade co «Itinerario do emprendemento en economía social» dispoñible no enlace http://eusumo.gal/asesoramento

f) Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación así como manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos.

g) Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

h) Elaboración de plans estratéxicos de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social.

i) Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: