SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL 2017. PRAZO: 26-01-2017

Data: 

martes, 27 Decembro, 2016 (Todo o día) a xoves, 26 Xaneiro, 2017 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual e se convocan para o ano 2017. BDNS (Identif.): 326251

Obxecto

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Beneficiarios

Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Importe

O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 115.000 euros, das aplicacións orzamentarias seguintes:

– 10.A1.432B.460.0: 40.000 euros.

– 10.A1.432B.470.0: 40.000 euros.

– 10.A1.432B.481.0: 35.000 euros.

A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local, e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte no cal se fará constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, seguindo as súas normas de identidade corporativa.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Xestión de películas: dereitos de exhibición e transporte de copias.

e) Gastos de subtitulado.

f) Premios ou galardóns oficiais, en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuillas, galardóns ou similares que se entreguen como premios do festival.

g) Gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: