SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL CELEBRADOS EN GALICIA. PRAZO: 14-02-2019

Data: 

martes, 15 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a xoves, 14 Febreiro, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais 

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2019. BDNS (Identif.): 433882.

Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que regularán, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Beneficiarias 

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado, e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Requisitos dos festivais para optar as axudas

1. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. No dito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria como o 31 de outubro do seguinte.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2019 e que desenvolvan as actividades neste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que obteñan unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que quedarán excluídos de subvención os que non alcancen a dita puntuación; deberán obter ademais 15 puntos na letra B da base décimo quinta.

f) As actividades que se desenvolvan obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2108 poderase chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderase condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 170.000 euros, código de proxecto 2015-0003, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

11.A1.432B.460.0: 50.000 euros.

11.A1.432B.470.0: 50.000 euros.

11.A1.432B.481.0: 70.000 euros.

Ao estar distribuída a contía total máxima anual das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

5. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: