SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES. PRAZO: 24-04-2017

Data: 

venres, 24 Marzo, 2017 (Todo o día) a luns, 24 Abril, 2017 (Todo o día)

 

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017. BDNS (Identif.): 338244.

Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para o quecemento dun fluído mediante equipamentos que utilicen como fonte enerxética a xeotérmica, aerotérmica ou a solar térmica (IN421A).

Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) As persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, as súas agrupacións e asociacións.

Requisitos e regras xerais

1. Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto unha vez presentada a solicitude.

b) As actividades deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, entendido como tal o ámbito de aplicación do PDR 2014-2020 de Galicia.

A definición de zona rural realizarase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) en cada territorio. A delimitación destas zonas onde se debe realizar a actividade está definida a nivel de parroquia en función da densidade da poboación. Só serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader (clasificación ZPP ou ZIP do grao de urbanización da parroquia segundo o GU 2016).

Esta información pode ser consultada na web do Instituto Galego de Estatística:

http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/rural-urbano/MapaParro...

c) Que no momento da certificación final os equipamentos subvencionados estean en disposición de funcionar.

d) Que sexan viables tecnicamente.

e) Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia enerxética.

f) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

g) Que o solicitante non teña sido sancionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

2. O beneficiario no caso de pagamento indebido quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao que se engadirán, se é o caso, os xuros. Non se aplicará a obriga de reembolso se o pagamento é froito dun erro da autoridade competente ou doutra autoridade sen que o beneficiario puider detectar razoablemente ese erro (artigo 7.1 e 3 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo).

Con carácter xeral, os supostos de retirada total e parcial da axuda e a imposición de sancións administrativas ao beneficiario veñen reguladas no artigo 63 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo.

3. O investimento para que a actuación sexa subvencionable deberá superar os 3.000 euros (IVE excluído).

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) Equipamento principal de xeración enerxética (bomba de calor ou paneis solares).

b) Custo de montaxe e conexión.

c) Accesorios para o correcto funcionamento do sistema salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

d) No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

Salvo as persoas físicas, os beneficiarios que gocen da exención do IVE deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola administración tributaria.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible, en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

d) A reposición ou mera substitución de equipamentos existentes. Para estes efectos, enténdese por gastos de reposición ou substitución aqueles que se limiten a substituír unha máquina existente ou parte dela por unha máquina nova e moderna sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou tecnoloxía correspondente.

e) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

f) A simple reposición ou substitución de equipamentos e maquinarias.

g) As obras de mantemento.

h) Os gastos de alugamento.

i) As taxas e licenzas administrativas.

j) Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

k) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

Intensidade da axuda

A intensidade da axuda será o 75 % para o caso das administracións públicas. Para outros beneficiarios a intensidade da axuda será do 30 % e incrementarase en 10 puntos porcentuais para as medianas empresas, e en 20 puntos porcentuais para as pequenas empresas e as persoas físicas.

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 50.000 € no caso das bombas de calor xeotérmicas e de 20.000 € na aerotermia e solar térmica.

3. A contía total de axuda establecida para as axudas de minimis concedidas a unha única empresa, nun período máximo de tres anos, fíxase en 200.000 €, agás para as empresas do sector agrícola que se fixa en 15.000 € e para as empresas de transporte de mercadorías por estrada por conta allea en 100.000 €.

Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de un (1) mes contado desde o día seguinte da publicación das presentes bases no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Descargas: 

galer_a_fotos