SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL. PRAZO: 03-07-2017

Data: 

venres, 2 Xuño, 2017 (Todo o día) a luns, 3 Xullo, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

ORDE do 15 de maio de 2017 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. BDNS (Identif.): 348538.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil, integrado no procedemento BS320A, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2017, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o artigo seguinte.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Entidades beneficiarias

As beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2017.

Requisitos das beneficiarias

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

5. Nesta convocatoria, as persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables poden ser as mesmas que xa concorreran á mesma convocatoria de subvencións noutras convocatorias anteriores.

Orzamento

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0, por un importe de cento setenta e tres mil oitocentos euros (173.800 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.481.0, por un importe de cento noventa e nove mil oitocentos trinta euros (199.830 €) para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2017. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Nesta convocatoria poderán participar persoas voluntarias que xa colaboraran como voluntarias noutra convocatoria anterior do programa Servizo de voluntariado xuvenil.

5. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias dos participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor dos participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

6. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

7. No caso de que a solicitude se presentase por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

8. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que rematase este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6.

9. En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables mozos/as maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, nai ou titor legal, a cal remitiran xunto coa xustificación da axuda. En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta á española precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos