SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS CON MOTIVO DO XACOBEO 21: CULTURA NO CAMIÑO +. PRAZO: 10-08-2020

Data: 

xoves, 9 Xullo, 2020 (Todo o día) a luns, 10 Agosto, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais 

Resolución do 25 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con motivo do Xacobeo 21: Cultura no Camiño +, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT302B). BDNS (Identif.): 514211.

Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e dentro das súas competencias, ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais co motivo do Xacobeo 21, para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT302B).

2. Estas axudas teñen como finalidade o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional, en particular de teatro, música, danza, novo circo e maxia, nos concellos de Galicia; será subvencionable unha porcentaxe das contratacións que integrarán as programacións e que se desenvolverán nas datas comprendidas entre o 15 de xullo e o 15 de outubro de 2020.

3. As programacións incluídas nesta convocatoria deberán incluír, como mínimo, dúas contratacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, que deberán ter un orzamento superior a 5.000 euros nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 8.000 euros nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

Entidades beneficiarias 

Poderán ser beneficiarios destas axudas todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que realicen unha programación cultural que contribúa á promoción de espectáculos de artes escénicas e musicais producidos por empresas con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento, créditos, contías e límites

1. A concesión destas subvencións tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado e polo esgotamento do crédito, de conformidade co previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O financiamento destas axudas nesta convocatoria realizarase en todo caso en función das dispoñibilidades orzamentarias; destinarase un crédito global de 750.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003.

3. Concederase unha dotación económica para a contratación de programacións de artes escénicas en musicais do ano 2020 con motivo do Xacobeo 21 que suporá, como máximo:

– 4.800 euros en concellos de máis de 20.000 habitantes, que corresponderían ao 60 % do caché de cada actividade programada.

– 4.000 euros en concellos de menos de 20.000 habitantes, que corresponderían ao 80 % do caché de cada actividade programada.

– No suposto de solicitudes conxuntas, aplicaranse as cantidades anteriores a cada membro da agrupación en función do seu número de habitantes.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Prazo 

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: