SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DUAIS DE EMPREGO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 23-06-2018

Data: 

xoves, 24 Maio, 2018 (Todo o día) a sábado, 23 Xuño, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

Orde do 4 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR353A). BDNS (Identif.): 399634.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2018, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación temporal en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Valórase no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, que se promova a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro co resultado de apto durante un mínimo de tres meses a xornada completa en empresas do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego. De ser o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación.

Entidades beneficiarias

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, no caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2017 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude sexa realizada por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde, ou ben, cando as actuacións previstas no proxecto engloben polo menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia.

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 20.344.000 euros e financiarase con cargo ás aplicacións 09.41.322A.460.2 e 09.41.322A.481.0 polos importes de 9.282.000 euros e 515.000 euros, respectivamente, na anualidade 2018 e os mesmos importes na anualidade 2019. O programa de incentivos á contratación laboral no exercicio 2019 será financiado con cargo á aplicación 09.41.322A.460.1 por un importe de 750.000 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: