SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN MARCHA DE INICIATIVAS LOCAIS DIRIXIDAS Á MOCIDADE. PRAZO: 01-03-2019

Data: 

sábado, 2 Febreiro, 2019 (Todo o día) a venres, 1 Marzo, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade durante o ano 2019 e se procede á súa convocatoria. BDNS (Identif.): 437184.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade, e convocar estas axudas para o ano 2019 (código de procedemento BS305E).

2. Coas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación establecidas no artigo seguinte.

3. Entenderase por iniciativa local dirixida á mocidade un proxecto homoxéneo para a realización dunha actividade ou programa de actividades con unidade de contido, orientada á consecución duns obxectivos claramente definidos, nun ámbito de actuación e nun marco temporal concretos.

Non se considerará como proxecto de iniciativa local, para os efectos desta orde, aquel constituído por actividades que formen parte da programación ordinaria destinada á mocidade da entidade local solicitante e que non encaixe na definición de iniciativa local dirixida á mocidade recollida no parágrafo anterior, nin tampouco o constituído polas funcións ordinarias dos servizos de información xuvenil.

4. As actividades irán dirixidas ás persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, conforme a definición de persoas novas da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Beneficiarios

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos galegos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos.

2. Así mesmo, poderán solicitar as axudas que regula esta orde as agrupacións de concellos, estremeiros e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Enténdese por solicitude individual a realizada por un único concello e por solicitude conxunta a realizada por unha mancomunidade, consorcio local ou agrupación de concellos.

4. Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude, sexa individual ou conxunta. O incumprimento deste criterio dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais, dando validez á solicitude conxunta. No caso de que o concello figure en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.

Áreas de atención prioritaria

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

a) Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.

b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.

c) Dinamización da información para a mocidade.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

g) Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.

Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.

2. A contía máxima que se poderá solicitar será de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude será de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos. Para o suposto de concellos resultantes de procesos de fusión municipal poderá solicitarse, así mesmo, un máximo de 15.000 euros no caso de fusión de dous concellos e de 22.000 euros no caso de fusión de tres ou máis concellos.

3. Concederase a subvención polo importe solicitado, tendo en conta os límites fixados no punto anterior, ás entidades locais cuxo proxecto acade a puntuación mínima prevista no artigo 15.1, de acordo coa orde de prelación sinalada no artigo 16.5, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No caso de que o orzamento do proxecto sexa superior ás contías máximas sinaladas no punto 2, quedará por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a execución total do proxecto subvencionado.

5. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: