SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA DE PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA. PRAZO: 20-07-2019

Data: 

venres, 21 Xuño, 2019 (Todo o día) a sábado, 20 Xullo, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

Orde do 7 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento TR332A). BDNS (Identif.): 462058.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2019, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, co fin de facilitar ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados na orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este sempre que por si sós ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2018 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 10.000.000,00 de euros e financiarase con cargo ás aplicacións 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) polos importes de 1.500.000,00 euros en cada unha das aplicacións na anualidade de 2019 e 3.500.000,00 euros en cada unha das aplicacións na anualidade de 2020, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: