SUBVENCIÓNS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ. PRAZO: 05-08-2016

Data: 

mércores, 6 Xullo, 2016 (Todo o día) a venres, 5 Agosto, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017. BDNS (Identif.): 311009.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións ás entidades locais de Galicia, para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, de forma individual ou de forma conxunta mediante o sistema de xestión compartida, coa finalidade da súa implantación e/ou da consolidación dos existentes.

Estes servizos de atención temperá estarán constituídos exclusivamente polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención os concellos de Galicia, as agrupacións ou asociacións deles, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, ben de xeito individual, ou ben mediante xestión compartida. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

En todo caso, para os efectos de solicitude individual, a entidade solicitante que a formule deberá contar cun censo, como mínimo, de 20.000 habitantes, segundo a cifra oficial de poboación a data 1 de xaneiro de 2015 fonte Instituto Galego de Estatística.

Contía

Destínase crédito por importe de 2.252.216 €, distribuído nas anualidades 2016 (1.117.140 €) e 2017 (1.135.076 €), cofinanciado con fondos FSE nun 80 %, Programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1.

A contía máxima que se pode conceder é de 180.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 220.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou cando se trate dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

Para determinar o importe aplicarase o sistema de custos simplificados segundo módulo ou custo unitario sinalado na orde e, ata esgotar o crédito dispoñible, calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade, en función da puntuación obtida na valoración, de acordo co establecido.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1261022.15 KB
PDF icon DOG Nº. 126 - EXTRACTO437.27 KB