SUBVENCIÓNS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS DE ATENCIÓN TEMPERÁ NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ. PRAZO: 14-05-2018

Data: 

sábado, 14 Abril, 2018 (Todo o día) a luns, 14 Maio, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

Orde do 27 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento BS700A). BDNS (Identif.): 393041.

Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá (Decreto 183/2013, do 5 de decembro), mediante xestión individual ou compartida e directa ou indirecta a través da concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade.

A finalidade será:

a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde precedente do 22 de xuño de 2016 (DOG núm. 126, do 5 de xullo).

b) Programa II, destinado aos servizos existentes actualmente non subvencionados, así como á implantación de novos servizos.

Entidades beneficiarias

Segundo o tipo de xestión:

a) Individual: concellos cun censo mínimo de 10.000 habitantes.

b) Compartida: agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos.

Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Contía

Destínase crédito por importe total dun millón trescentos oitenta e oito mil cincocentos corenta e cinco euros (1.388.545 €) cofinanciado con fondos FSE nun 80 %, programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1, distribuído segundo o seguinte:

a) Programa I: 720.000 €.

b) Programa II: 668.545 €.

A contía máxima de subvención por beneficiario será do 90 % do orzamento total da actuación, cos seguintes límites en función do tipo de xestión:

a) Individual: 8.180 € por mes subvencionable.

b) Compartida: 10.000 € por mes subvencionable.

O importe calcularase de acordo co sistema de custos simplificados en función do custo unitario por hora de traballo sinalado na orde, segundo os grupos profesionais.

Outros datos

Sen prexuízo da totalidade de condicións e nos termos establecidos nos artigos 7, 8, 9, 10 e 11 da orde:

a) O obxecto da prestación estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.

b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2017 ata o 31 de outubro de 2018 e os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos realizados naquel e que fosen efectivamente pagados na data límite de xustificación.

c) O equipo humano de traballo deberá contar cun mínimo de 3 integrantes e ser interdisciplinar.

Realizarase un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de anticipo, unha vez notificada a resolución, e o 50 % restante ou a parte que corresponda, tras a correspondente xustificación, que se realizará, nos termos previstos no artigo 26 da orde, a través da modalidade de custos simplificados e con data límite do 15 de novembro de 2018.

Prazo

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: