SUBVENCIÓNS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ. PRAZO: 24-02-2020

Data: 

sábado, 25 Xaneiro, 2020 (Todo o día) a luns, 24 Febreiro, 2020 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS700A). BDNS (Identif.): 488138.

Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá (Decreto 183/2013, do 5 de decembro), mediante xestión individual ou compartida e directa ou indirecta a través da concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade.

A finalidade será:

a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 25 de marzo de 2019 (DOG núm. 70, do 10 de abril).

b) Programa II, destinado aos servizos existentes actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.

Entidades beneficiarias

Segundo o tipo de xestión:

a) Individual: concellos cun censo mínimo de 10.000 habitantes.

b) Compartida: agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos.

Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Actuacións e período subvencionable

1. Considéranse subvencionables, de acordo co establecido no artigo 1, a prestación de servizos de atención temperá ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, e sempre que concorran as seguintes circunstancias, con independencia de que a xestión sexa directa ou indirecta:

a) O obxecto daquela estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.

b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de outubro de 2020, por tanto, 12 meses.

c) O equipo humano responsable da prestación deberá:

1º. Contar cun mínimo de tres integrantes.

2º. Ser interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. O persoal deberá de estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou en apoio familiar, ou acreditar experiencia suficiente nestas materias para a realización das súas funcións.

d) De acordo co establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, os servizos de atención temperá deberán comprender as prestacións de:

1º. Diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento dos/das nenos/as.

2º. Desenvolvemento psicomotor.

3º. Desenvolvemento cognitivo.

4º. Desenvolvemento da linguaxe e comunicación.

5º. Desenvolvemento da autonomía.

6º. Desenvolvemento da área social e afectiva.

7º. Apoio, información, habilitación e formación da familia.

e) A prestación do servizo deberá realizarse en horario de mañá e, un mínimo de dous días á semana, en horario de tarde, cun mínimo de dúas horas cada tarde.

2. No caso de inicio do prazo de execución con anterioridade á presentación da solicitude, para que a actuación se considere subvencionable debe terse prestado desde esa data nos termos expostos no número anterior, agás os requisitos establecidos nas letras c) e e), que serán exixibles vencido o prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación da resolución de concesión da axuda.

Contía

Destínase crédito por importe total de dous millóns novecentos trinta e seis mil novecentos sesenta e tres euros (2.936.963,00 €), cofinanciado con fondos FSE nun 80 %, programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1, distribuído segundo o seguinte:

a) Programa I: 2.423.993,60 €.

b) Programa II: 512.969,40 €.

A contía máxima de subvención por beneficiario será do 90 % do orzamento total da actuación, cos seguintes límites en función do tipo de xestión:

a) Individual: 9.000 € por mes subvencionable.

b) Compartida: 12.000 € por mes subvencionable.

O importe calcularase de acordo co sistema de custos simplificados en función do custo unitario por hora de traballo sinalado na orde, segundo os grupos profesionais.

Realizarase un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de anticipo, unha vez notificada a resolución. O 50 % restante ou a parte que corresponda, tras a correspondente xustificación, que se realizará nos termos previstos no artigo 26 da orde e sen prexuízo da obriga establecida no artigo 11.d), a través da modalidade de custos simplificados e con data límite do 15 de novembro de 2020.

Prazo

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: