SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LECTURA NAS BIBLIOTECAS E/OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL, INTEGRADAS NA REDE DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA. PRAZO: 06-04-2018

Data: 

mércores, 7 Marzo, 2018 (Todo o día) a venres, 6 Abril, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018. BDNS (Identif.): 387641.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, para ofrecer un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas que acheguen a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente (código de procedemento CT236A).

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos de participación

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras da axuda deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura. Agás as bibliotecas de nova integración.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 195.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que desenvolveu a entidade beneficiaria.

Prazo

As entidades locais que desexen acollerse á subvención regulada nesta orde deberán presentar a solicitude, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Descargas: