Data:
Instituto Enerxético de Galicia
Resolución do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables, para o ano 2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 383023.
Obxecto
O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).
Beneficiarios
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro e as comunidades de montes.
c) As empresas legalmente constituídas e autónomos.
Gastos que se subvencionan
1. Serán subvencionables:
a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares, bomba de calor, caldeira,...).
No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).
b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.
d) O custo do sistema de alimentación do combustible.
e) O custo de montaxe e conexionado.
f) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.
g) No caso de redes de distribución de calor con biomasa o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da sala de caldeiras.
2. Non son subvencionables:
a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.
En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.
b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os que se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.
d) As obras de mantemento.
e) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.
f) O proxecto de enxeñaría, a obra civil non asociada á instalación dos equipamentos (salvo en proxectos de distribución de calor) nin os gastos de legalización.
g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.
3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Nas subvencións concedidas ás entidades locais, de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, con carácter xeral, considérase gasto realizado, cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.