SUBVENCIÓNS A PROXECTOS NOVOS DE DINAMIZACIÓN DO XACOBEO 2021 DENTRO DO PROGRAMA "O TEU XACOBEO". PRAZO: 15-02-2019

Data: 

martes, 15 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a xoves, 14 Febreiro, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020. BDNS (Identif.): 433429.

Obxecto e réxime

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos orixinais de dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación sociocultural que anticipe a celebración do Xacobeo 2021, para a promoción e potenciación de Galicia, así como reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (TU300A).

2. As actividades desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:

Ámbito artístico:

– Artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, artesanía, moda e outras.

– Cinema e documental.

– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.

– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.

– Literatura e libro.

Patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade: foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, conferencias, xornadas de formación, programas de intercambio con expertos doutras nacionalidades, charlas educativas en colexios e outras.

Gastronomía: experiencias e actividades gastronómicas de elevado valor engadido, que contribúan a dar a coñecer e gozar do patrimonio gastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas, por exemplo, catas e degustacións, charlas, talleres, actividades de formación e intercambio, publicacións, feiras e outras.

Ámbito deportivo: calquera disciplina deportiva, torneos, retos deportivos, partidos especiais, con especial atención ás actividades non profesionais e para todos os públicos, como carreiras populares. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre, como camiñadas ou rutas organizadas, clases en grupo e tamén disciplinas relacionadas co benestar, o fomento da vida activa e o goce respectuoso da natureza.

Ámbito social: programas de voluntariado, sociais, educativos e outros, que fomenten a inclusión e participación.

3. Os proxectos presentados deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e adherirse, polo menos, a tres dos seguintes obxectivos do Xacobeo 2021:

a) Obxectivos estratéxicos fixados polo Consello Xacobeo para o Xacobeo 2021:

• Camiño. Destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

• Europa. Convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo.

• Patrimonio. Promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea.

• Territorio e desenvolvemento sustentable. Impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago.

• Audiencia e legado. Fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, particularmente entre os máis novos.

b) Obxectivos estratéxicos da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 en Galicia:

• Promoción. Promocionar Galicia como destino cultural e turístico.

• Alcance. Implicar toda a poboación galega na celebración e xerar un sentimento de orgullo e pertenza cara aos valores da nosa comunidade.

• Innovación. Apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño de Santiago.

• Narrativa. Dar voz e recompilar as historias e experiencias que se xeren ao longo do Camiño.

• Diálogo. Fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.

Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se establecen no artigo anterior:

Liña1. Entidades locais: concellos, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e deputacións provinciais de Galicia.

Así mesmo, poderán presentar solicitudes agrupacións das devanditas entidades locais, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Liña 2. Entidades privadas: persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 3. Entidades sen ánimo de lucro: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Gastos subvencionables e subcontratación

1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que ser xustificados polas persoas ou entidades beneficiarias de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de xaneiro do ano 2019 ata o 30 de abril de 2020. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade, así como os salarios do persoal propio nunha contía superior o 10 % do orzamento subvencionable.

– Gastos protocolarios.

– Dotación de premios.

– Imprevistos (todas as partidas deben ser concretas e estar claramente identificadas co obxecto da subvención na epígrafe «doutros gastos» do anexo IV).

– Investimentos e adquisicións de material, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio do beneficiario.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os/as beneficiarios/as poderán subcontratar o 50 % da actividade subvencionada, nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

MODIFICACIÓN PRAZO (DOG Nº. 13)

Modifícase o devandito prazo establecendo como último día para presentar as solicitudes o 15 de febreiro de 2019, de xeito que o citado artigo 4.6 queda redactado como segue:

«As solicitudes poderán presentarse a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O último día de prazo para presentar as solicitudes será o 15 de febreiro de 2019».

Descargas: