Trinta rexedores portugueses coñecen na Fegamp as experiencias galegas en emerxencias e prevención de lumes

Data: 

martes, 13 Marzo, 2018 - 16:30
Reunión alcaldes portugueses y gallegos en la Fegamp

Os alcaldes  de Cervo, Brión, Ames, Ribadeo e Ponte Caldelas foron os encargados de recibir na Federación Galega de Municipios e Provincias á delegación portuguesa formada por un total de trinta alcaldes na sede da Fegamp en Santiago de Compostela. O motivo da reunión era informarlles das tarefas de prevención de incendios, emerxencias e recuperación de terreos queimados, que se estaban levando a cabo en Galicia.

Os alcaldes/as portugueses/as que acudiron a esta cita forman parte da Comunidade Intermunicipal da Rexión de Coímbra (CIM- RC) que é unha asociación de municipios (NUT III) que integra os municipios de Arganil, Cantanhede, Coímbra, Condeixa-a-Nova, Figueira da Foz, Góis, Lousã, Mealhada, Mira, Miranda do Corvo, Montemor-o- Vello, Mortágua, Oliveira do Hospital, Pampilhosa da Serra, Penacova, Penela, Soure, Tábua e Vila Nova de Poiares.

A razón desta visita foi que tras os incendios forestais ocorridos en 2017 na rexión portuguesa, que destruíron cerca de 122 mil hectáreas de área forestal e causaron numerosas mortes, a CIM decidiu realizar unha visita a Galicia considerándoa unha rexión onde son aplicadas as mellores prácticas. O obxectivo desta visita era coñecer toda a estrutura de protección civil, emerxencias, xestión e prevención forestal da Xunta de Galicia, a fin de permitir o intercambio de experiencias e así adquirir nova metodoloxía de preparación e intervención.

Os integrantes da delegación amosáronse interesados en coñecer as técnicas de recuperación de áreas ardidas, na prevención de incendios forestais e no coñecemento do modelo de autonomía de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste eido é no que colaborou a Federación Galega de Municipios e Provincias, coordinando unha xuntanza na que un total de cinco alcaldes galegos puxeron enriba da mesa os pormenores das accións municipais que se estaban levando a cabo.

Os alcaldes lusos coñeceron de primeira man a estrutura das emerxencias (GES e Bombeiros) da man do alcalde José Luis García García, alcalde de Brión. Tamén coñeceron as iniciativas pioneiras que se están facendo en Galicia en cuestión de prevención nas que José Miñones Conde, alcalde de Ames, explicou o seu proxecto de “Árbores Bombeiras” e Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, puxo o acento no cumprimento da Lei de Montes e no control das franxas de protección. Andrés Díaz Sobral, alcalde de Ponte Caldelas, explicou aos alcaldes/as lusos/as a técnica de “mulching” consistente en esparexer palla que foi empregada para recuperar os terreos queimados tras os lumes no seu concello con resultados moi óptimos. Alfonso Villares Bermúdez, alcalde de Cervo e Vicep. primeiro da Fegamp, foi o encargado de moderar o encontro e tamén presentou a dinámica de traballo en canto ao Plan Forestal levado a cabo no seu concello no que convive o aproveitamento de especies pirófitas como o eucalipto coa reforestación con árbores frondosas.

Os alcaldes/as portugueses/as amosáronse moi interesados nas exposicións e, no tempo dedicado as preguntas, interesáronse por cuestións nas que os alcaldes galegos tiveron que ofrecer a súa opinión persoal. Entre outras preguntas xurdiu no eido das emerxencias se eran mellores as emerxencias municipais ou as do goberno, ou que crían os alcaldes e alcaldesas que se fixera mal o 15 de outubro para desatarse a catástrofe. Tamén se interesaron por cuestións prácticas como a obtención de axudas tras os incendios, ou a opinión dos veciños sobre o custo do proxecto de “Árbores Bombeiras” de Ames. Para rematar os alcaldes/as portugueses/as pediron aos galegos que valorasen se o modelo galego era exportable.