XORNADA “A LOCALIZACIÓN DOS ODS E AS POLÍTICAS PÚBLICAS MUNICIPAIS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO"

Data: 

xoves, 31 Maio, 2018 (Todo o día)
Cartel

No marco do plan de actividades do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para este 2018, o vindeiro 31 de maio terá lugar a xornada “A localización dos ODS e as políticas públicas municipais de cooperación ao desenvolvemento”, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), de 9:00 a 14:30h.

Neste seminario subliñarase o papel clave que teñen os municipios para acadar ditos obxectivos, aprobados a finais do 2015 polos estados membros da ONU e que teñen como propósito ser acadados en 2030, logo de que os anteriores Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio se acadaran só parcialmente. Estas metas buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas, uns ambiciosos propósitos nos que os gobernos locais teñen moito que dicir.

De aí que o Fondo Galego, integrado por 95 concellos e tres deputacións, organice unhas xornadas para informar sobre esta axenda internacional e para coñecer que pasos están dando outras redes de municipios a nivel europeo, co obxectivo de fomentar a súa implementación na administración local galega.

Así mesmo, nesta xornada haberá tamén un espazo para o intercambio de experiencias, para potenciar o diálogo e a aprendizaxe entre as administracións locais, materializado en senllos obradoiros con dúas temáticas diferentes. O primeiro deles versará sobre a xestión de actividades de sensibilización, e o segundo sobre as convocatorias públicas municipais de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Porén, a xornada está especialmente dirixida ao persoal político e técnico das deputacións e concellos galegos, así coma a outros axentes de cooperación, nomeadamente as ONGD, aínda que tamén están abertas á asistencia da cidadanía en xeral que teña interese na temática. As persoas que desexen participar deberán formalizar a inscrición no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436, indicando a que obradoiro asistirán.ods

Do mesmo xeito, no transcurso do encontro permanecerá instalada a exposición ‘Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá’, que reúne 17 viñetas de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía, e que está a disposición dos concellos socios do Fondo Galego.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Programa da xornada1009.01 KB