A Xunta comprométese a estudar as alegacións da Fegamp á Lei de Saúde de Galicia

Data: 

venres, 15 Setembro, 2017 - 11:00 a 13:30

Esta mañá a directiva da Fegamp mantiña unha reunión informativa co Conselleiro de Sanidade e representantes do Sergas para presentar aos concellos o Anteproxecto de Modificación da Lei de 8/2008 de Saúde de Galicia. A Fegamp comprometeuse a facer alegacións e envialas á Consellería de Sanidade, e esta comprometeuse a estudalas e valoralas para a súa inclusió no texto. Outro dos temas tratados na reunión foron as Unidades de Drogodependencia no que se conseguiu chegar a un principio de acordo.

 

Santiago de Compostela, 15 setembro de 2017- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, acompañado da xunta de voceiros e a directiva da Fegamp, mantiveron esta mañá unha reunión informativa co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e representantes do Sergas e Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, para presentar ante os concellos o anteproxecto de Lei de 8/2008 de Saúde de Galicia.

 

A Fegamp comprometeuse a facer as alegacións pertinentes e envialas á Consellería de Sanidade, e ésta, comprometeuse a estudalas e valoralas para a súa inclusión no anteproxecto.  Alfredo García, presidente da Fegamp, aseguraba á saída da reunión: “queremos que cando esta lei chegue ao Parlamento se teña mellorado o texto e que todos os medos ou dúbidas que agora existen sobre o futuro dos hospitais comarcais queden disipados”; e engadía ao respecto: “é preciso que se fale con todos, e que se pacte, se negocie e se chegue a acordos na liña de consensuar unha lei que afecta ás prestacións dos servizos sanitarios que consideramos fundamentais para os cidadáns”, concluía o presidente do ente municipal.

 

Outro tema tratado na reunión foron as Unidades de Drogodependencia municipais onde se chegaba hoxe a un principio de acordo sobre os 13 centros de Drogodependencia que existen en Galicia. Acordouse crear unha Comisión Técnica de seguimento composta por representantes da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde, e a Fegamp e os concellos que teñen estas unidades: “neste sentido a reunión creemos que foi moi positiva porque se trata de empezar a traballar coa intención de tomar acordos nunha das vellas reivindicacións do municipalismo galego, como é a xestión dos Centros de Drogodependencia xa que consideramos que non é unha competencia municipal”, aseguraba García. Dende a Fegamp deixan claro que para o ente municipal a vontade desta comisión será avanzar neste tema e que en 2018 se poñan en práctica os acordos alcanzados pola mesma.

 

Na reunión realizouse tamén a presentación do Plan de Prevención de suicidios en Galicia coa pretensión de mellorar a colaboración para a prevención e que os concellos coñezan cales son os medios e as posibilidades das que dispoñen nesta cuestión.

 

A reunión mantívose na Consellería de Sanidade en Santiago