16 de febreiro 2026 - Entrevista a María Lamelas, Técnica de Proxectos en Ames Radio

Manuel Casal Lodeiro, coordinador do Programa de Ames Radio  «Vivirmos nun mundo finito» da Asociación Ames Pospetróleo mais Instituto Resiliencia, entrevistou o pasado día 16 de febreiro a María Lamelas, técnica de proxectos da FEGAMP e do equipo técnico do Proxecto EC4RURAL, unha das iniciativas máis relevantes que se están a desenvolver no rural galego.

A FEGAMP, leva varios anos apostando por captar fondos estatais e europeos para impulsar proxectos de interese común para o municipalismo có obxectivo de deseñar e executar iniciativas piloto que sexan replicables, teñan impacto colectivo e contribúan a resolver problemas estruturais do rural.

 

Programa completo na seguinte ligazón:  https://www.pospetroleo.com/ames/podcast/programa-195-proxecto-ec4rural-comunidades-enerxeticas-para-o-rural-galego/

EC4RURAL: enerxía renovable en comunidade

O proxecto EC4RURAL naceu coa intención de levar a transición enerxética ao rural galego, adaptándoa ás súas particularidades: dispersión poboacional, envellecemento e limitación de recursos técnicos. A iniciativa promove a creación de comunidades enerxéticas locais, é dicir, modelos nos que a veciñanza produce e xestiona colectivamente enerxía renovable. Non se trata só de reducir a factura eléctrica —aínda que tamén—, senón de impulsar un cambio máis profundo: pasar dun modelo centralizado a outro distribuído, democratizar a propiedade da enerxía e reforzar a autonomía dos territorios. No proxecto participan 22 concellos galegos, todos eles rurais segundo o indicador europeo de grao de urbanización, así como 12 municipios de Estonia. Esta colaboración internacional permite comparar experiencias do norte e do sur de Europa e avaliar a súa posible replicabilidade. A Universidade de Vigo lidera o consorcio, achegando rigor técnico no deseño dos modelos enerxéticos, na análise xurídica e económica e na avaliación dos resultados.

Logros e desafíos

Entre os principais avances acadados destacan a creación efectiva de comunidades enerxéticas, a formación de persoal técnico municipal e a implicación progresiva da cidadanía. Con todo, o camiño non está exento de dificultades. A complexidade normativa, os tempos administrativos e a necesidade de explicar ben un modelo aínda pouco coñecido supoñen retos importantes. A transición enerxética, lembra Lamelas, é un cambio de paradigma estrutural e, como tal, require tempo, aprendizaxe e adaptación.

O papel clave dos concellos

Os concellos desempeñan un papel fundamental neste proceso. Son a administración máis próxima á cidadanía, coñecen o territorio e poden xerar confianza. Cando unha comunidade enerxética conta co respaldo municipal, as probabilidades de éxito multiplícanse. Cada municipio desenvolve o seu propio modelo dentro dun marco común, adaptándoo á súa realidade demográfica, económica e social. Non hai unha receita única: o importante é que o proxecto responda ás necesidades reais da veciñanza.

Galicia ante o reto enerxético

Galicia conta cun enorme potencial para o desenvolvemento destas iniciativas, especialmente no ámbito rural. A tradición galega de xestión colectiva de recursos —como os montes en man común ou as comunidades de regantes— conecta directamente coa filosofía das comunidades enerxéticas actuais. Aínda que outras rexións avanzaron máis rápido, proxectos como EC4RURAL contribúen a reducir esa fenda e a consolidar un modelo máis sostible e democrático. En termos financeiros, as subvencións públicas actúan como acelerador inicial. Porén, se o proxecto está ben dimensionado e conta cunha base social suficiente, as comunidades enerxéticas poden ser economicamente viables a longo prazo.

Outros proxectos para dinamizar o territorio

A entrevista tamén permitiu coñecer outras iniciativas desenvolvidas pola FEGAMP, como CELRURAL, centrado na execución de instalacións fotovoltaicas no ámbito rural; RETTURN, orientado á creación dun modelo de turismo sustentable baseado na tradición rural; ou Montes e Vales Orientais: Territorio Intelixente, enfocado na innovación e na mellora de servizos mediante a dixitalización.