18 de xuño - A Caniza - Presentación do Proxecto ENECORE no Condado Paradanta (GDR Terra e Auga)

Data: 

xoves, 18 Xuño, 2026 (Todo o día)

A sede do GDR Condado Paradanta acollerá o próximo día 18 de xuño ás 19:00 h, a presentación do proxecto nun acto institucional que contará coa participación de representantes do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), entidade coordinadora da iniciativa, da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), así como de membros da xunta directiva do propio Grupo de Desenvolvemento Rural.

Durante o encontro daranse a coñecer os principais obxectivos do proxecto, as actuacións previstas e o seu potencial para contribuír ao desenvolvemento sostible do territorio, especialmente a través da promoción de modelos innovadores vinculados á transición enerxética e á cooperación entre os distintos axentes locais.

A xornada constituirá, ademais, un espazo de diálogo e intercambio de experiencias entre as entidades participantes, poñendo de manifesto a importancia da colaboración institucional e da implicación do tecido local para impulsar iniciativas que favorezan a fixación de poboación, a dinamización económica e a creación de novas oportunidades nos ámbitos rurais.

Neste contexto, destacarase o papel estratéxico que desempeñan os grupos de desenvolvemento rural como axentes vertebradores do territorio e aliados fundamentais na difusión e implantación de proxectos que contribúan a avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis resiliente, inclusivo e respectuoso co medio ambiente.