O pasado mes de xullo os 313 concellos e as 4 deputacións de Galicia recibiron en conxunto a devolución en conta de máis de 5 millóns de euros do denominado “céntimo Sanitario” correspondente a Liquidación do PIE 2014. O motivo da devolución foi un requirimento que fixo a Fegamp en 2016, que tras analizar os datos aportados polo Estado sobre a mencionada liquidación, se atopou un erro no concepto “Céntimo Sanitario”. Este desaxuste corrixido polo Estado deixará 18 millóns de euros de financiamento extra para ás entidades locais galegas sumando as cantidades correspondentes á liquidación do PIE 2014 (5 millóns de euros) , 2015 (10,5 millóns de euros) e 2016 (3 millóns de euros).
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017. A devolución de máis de 18 millóns de euros as entidades locais galegas é consecuencia dunha reclamación da Fegamp ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O requirimento foi feito en 2016 tras realizar unha análise dos datos que deron lugar á liquidación definitiva da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) do ano 2014. Nese momento observouse que para o cálculo da participación das entidades locais detraíase o concepto “Devolución de ingresos IVMDH. Sent TJ UE C-82/12” correspondente ao Imposto sobre Ventas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (IVMDH), máis coñecido coma Céntimo Sanitario, e que foi creado en 2001 como un imposto estatal cedido integramente ás comunidades autónomas para cubrir gastos en materia de sanidade.
Grazas a esta reclamación realizada pola Fegamp, en colaboración co Cabildo de Fuerteventura e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), os concellos e Deputacións de Galicia percibiron este verán (en concreto no mes de xullo de 2017) o ingreso en conta de máis de 5 millóns de euros de financiamento extra, pola devolución do céntimo
sanitario. A esa cantidade, que foi entregada en conta ás entidades locais galegas, hai que sumarlle o percibido no PIE de 2015, outros 10’5 millóns, que xa foron integrados na liquidación correspondente. Estímase tamén, que no ano 2018 as entidades locais galegas ingresarán máis de 3 millóns de euros extra nos seus presupostos, correspondentes á liquidación do PIE de 2016. En total, e grazas á reclamación feita pola Fegamp, un total de 18 millóns de euros de financiamento extra volveron aos concellos e deputacións de Galicia.
O Estado polo tanto recoñeceu na súa resposta ao requirimento que debía de compartirse o razoamento efectuado e explicou tamén que a corrección se aplicaría para todos os entes locais españois en xeral, non só para os que presentaran demanda. Neste senso, cabe destacar que, se non se houbese detectado o desaxuste cometido polo Estado a cantidade total que se houbese deixado de abonar as EE.LL. españolas serían dun total estimado de 283,5 millóns de euros, sumando as liquidacións de 2014, 2015 e 2016.