19 xullo 2023 - NP- O Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) vai poñer en marcha un banco de vivendas en aluguer dende na sede do GDR3 en Baleira

Baleira (Lugo), 19 de xullo de 2023. Os traballos do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) van comezar coa creación dun banco de vivendas en aluguer na comarca de Montes e Vales Orientais. Para iso, vaise traballar na promoción da dispoñibilidade de vivenda de alugueiro, que permita a permanencia da xente nova e o asentamento de xente de fóra, mediante un plan específico de retención, captación e integración no territorio.

 

Esta é a principal liña de traballo definida na xuntanza celebrada entre a Federación Galega de Municipios e  Provincias (FEGAMP) e o Grupo de Desenvolvemento Rural “Montes e Vales Orientais” (GDR3), coa que se puxo en marcha o CIEPS, dentro do previsto no proxecto “Montes e Vales Orientais. Territorio Intelixente” impulsado pola FEGAMP e polo GDR3 “Montes e Vales Orientais” que xa foi presentado o pasado día 13 de abril en Ribeira de Piquín (Lugo).

Na xuntanza participaron a xerente do GDR3 “Montes e Vales Orientais”, Fe Álvarez, e  as responsables técnicas do proxecto pola banda de FEGAMP, Lucía González e María Lamelas, xunto co persoal técnico contratado para o desenvolvemento do proxecto, que ao rematar a xuntanza salientaron que “se vai crear unha aplicación web asociada á web do GDR3, aproveitando que é un medio consolidado no territorio, para acoller dixitalmente o banco de aluguer e tamén canalizar as demandas de vivenda”.

Tamén anunciaron a celebración en setembro dunha xuntanza coas alcaldías da zona para coordinar o labor de prospección de vivenda.

Ademais, dende o CIEPS xa comezou a atención ás consultas das persoas da zona interesadas en emprender, acceder a axudas públicas e outras iniciativas.

Máis adiante comezarán cos traballos para o deseño e implantación do proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria a maiores, que ofreza novos servizos ás persoas maiores da zona, que lles permita estender a súa estancia no seu domicilio cunha adecuada calidade de vida, e dinamizar económica e demográficamente o territorio xerando emprego entre a poboación máis vulnerable en materia laboral (mocidade, mulleres, persoas migrantes e desempregadas de longa duración).