23 e 24 de setembro 2026 - Tartu (Estonia) - EC4RURAL celebra a súa reunión anual para avanzar na transición enerxética das zonas rurais

Data: 

mércores, 23 Setembro, 2026 (Todo o día)

A Universidade de Tartu acolle a reunión anual de EC4RURAL – Fostering local engagement for Clean Energy Transition in Rural Areas through Energy Communities.

Este encontro, permitirá compartir as experiencias dos pilotos galegos e estonianos, identificar os principais retos atopados durante a súa posta en marcha e intercambiar coñecementos sobre posibles solucións e boas prácticas. 

O proxecto, iniciado en setembro de 2023 e cunha duración de 48 meses, conta cun orzamento próximo aos 1,6 millóns de euros e está financiado polo programa europeo LIFE.

Participan 22 concellos galegos e 12 municipios de Estonia, coa Universidade de Vigo como entidade coordinadora.

Esta dimensión internacional permite poñer en común realidades rurais diferentes e analizar como as comunidades enerxéticas poden adaptarse ás características específicas de cada territorio.

 

23 de setembro 

Xornada central da reunión anual, permitirá revisar o estado actual do proxecto e abordar os principais ámbitos de traballo:

  • Participación e creación de redes, orientado a reforzar a implicación dos axentes locais e o intercambio entre territorios.
  • Actividades de formación, destinadas a facilitar coñecementos e capacidades relacionados co desenvolvemento das comunidades enerxéticas.
  • Comunicación e difusión, para dar visibilidade aos resultados e aprendizaxes xerados polo proxecto.
  • Actualización do segundo período de xustificación, coa participación de todos os socios.
  • Seguimento da xestión dos proxectos piloto.

Durante a mañá tamén se presentará a situación xeral do proxecto desde a coordinación e se revisarán os avances realizados polos diferentes grupos de traballo. A actualización do segundo período de xustificación permitirá, ademais, poñer en común o estado da execución e os aspectos que requiren atención por parte do consorcio. Un dos momentos destacados da xornada será a presentación do estado dos pilotos galegos e estonianos. Este intercambio permitirá coñecer de primeira man a evolución das experiencias desenvolvidas nos dous países e compartir as dificultades, avances e aprendizaxes derivados do traballo realizado nos territorios.

A programación do día completarase cunha visita técnica a Põltsamaa, situada a uns 60 quilómetros de Tartu. Os participantes coñecerán diferentes iniciativas vinculadas á transición enerxética e ao desenvolvemento local. Entre elas atópase a iniciativa da comunidade de Umbusi, así como experiencias do municipio de Põltsamaa no ámbito das enerxías renovables. Tamén se coñecerá o traballo de Jõgevamaa Koostöökoda, grupo LEADER que conta con medidas de apoio destinadas á redución dos gastos enerxéticos. Estas visitas permitirán complementar as sesións técnicas cunha aproximación práctica a experiencias desenvolvidas no territorio estoniano e favorecer o intercambio directo entre os participantes.

24 de setembro

Planificación futura do proxecto. O Comité de Dirección abordará cuestións relacionadas coa modificación do proxecto, os recursos humanos, o orzamento, os indicadores de resultados (KPIs) e o plan de traballo para o próximo ano. A xornada incluirá tamén un espazo aberto de debate entre os socios, orientado a extraer conclusións e concretar os próximos pasos. Entre os aspectos que se analizarán figura igualmente a perspectiva de continuidade dos resultados do proxecto cinco anos máis aló da súa finalización, co obxectivo de reflexionar sobre a permanencia e posible aproveitamento das experiencias desenvolvidas.

IMAXES DAS XORNADAS EN ESTONIA