Aberta a inscrición para os cursos do CEDE (USC) e a Fegamp

A europeización das políticas públicas conleva un proceso de modernización que afecta, dun xeito intenso, á administración local. No marco da colaboración establecida entre o Centro de Estudios e Documentación Europea (CEDE) da Universidade de Santiago de Compostela e a FEGAMP estamos a realizar actividades de formación continua que permitan ao persoal dos entes locais galegos profundar nalgunhas das implicacións prácticas máis relevantes que ten este proceso europeizador.

Para o primeiro semestre de 2015 imos propoñer cinco actividades en torno a esta temática. Como apertura do programa, realizaremos un seminario de carácter presencial no que varios especialistas analizarán os procesos da reforma administrativa do local dende unha perspectiva europea. En segundo termo, continuando coa aposta pola docencia online que comezamos o ano pasado, abriremos –dacordo co calendario establecido- as aulas virtuais dos catro cursos de carácter semipresencial que temos deseñado, cun enfoque eminentemente práctico, para dar resposta a algunhas das principais necesidades formativas sobre cuestións europeas que temos detectado a nivel local.

Trala boa acollida que obtivo o ano pasado a primeira edición do programa Poder local e Unión Europea, tanto en termos de número de alumnos matriculados nas actividades coma polas positivas valoracións que mereceron os cursos ofertados, confío en que as propostas formativas de 2015 resulten tamén de interese para o persoal dos entes locais.

CONTIDOS.

SEMINARIO PRESENCIAL CEDE-USC/FEGAMP. A REFORMA LOCAL NA UNIÓN EUROPEA EN PERSPECTIVA COMPARADA.

Coordina: Carlos Teijo García. Director do CEDE.

11.30. Inauguración oficial.

Juan Viaño Rey. Reitor da USC.

José Manuel Rey Varela. Presidente da FEGAMP.

12.00. O papel promotor da UE nos procesos de reforma local. Isaac Martín Delgado. Profesor Titular de Dereito Administrativo. Universidade de Castela a Mancha e Coordinador da Rede Internacional de Dereito Europeo.

12.30. Presentación da metodoloxía e resultados da investigación “Medidas para la racionalización de la organización administrativa local: las experiencias española, italiana y portuguesa”, editada por Aranzadi (2015) e elaborada no marco das actividades investigadoras do convenio suscrito entre o CEDE-USC e a FEGAMP. Marcos Almeida Cerreda. Profesor de Dereito Administrativo da USC.

13.00. O balance da reforma local en perspectiva comparada. Tomás Quintana López. Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de León.

13.30. Debate.

14.00. Clausura.

Data e lugar de celebración: 29 de abril de 2015. 11.30 horas. Sala de Xuntas. Facultade de Dereito.

 

CURSOS SEMIPRESENCIAIS SOBRE "PODER LOCAL E UNIÓN EUROPEA"

A fin de evitar as dificultades loxísticas que xeran aos alumnos os desprazamentos ás actividades presenciais de formación continua, o programa “Poder local e Unión Europea” articúlase sobre propostas formativas que poidan ser realizadas fundamentalmente a distancia.

A metodoloxía docente dos cursos será, por tanto, maioritariamente non presencial, apoiándose no soporte que proporciona a plataforma USC-Virtual, se ben en tódolos casos se incorporará unha sesión presencial (de 3 horas de duración) para a resolución das cuestións teóricas e prácticas máis relevantes. Todos os módulos contarán con recursos on line de carácter orixinal, elaborados polos profesores responsables, que incorporan elementos multimedia deseñados para favorecer a participación e a aprendizaxe. Ademais, cada curso incorpora sesións de titoría personalizada cos profesores responsables. A carga de traballo para o alumno será de 10 horas semanais de traballo persoal on line.

 

1) INSTITUCIÓNS E APLICACIÓN DO ORDENAMENTO XURÍDICO DA UE (2ª edición)

Docentes: Miguel Arenas Meza (Prof. Dereito da UE, USC); Julio Jorge Urbina (Prof. Dereito da UE, USC); Carlos Teijo García (Prof. Dereito da UE, USC)

Duración: 30 horas.

Datas: 28 abril – 19 de maio. Sesión presencial: 19 de maio.

Obxectivos: Na análise da gobernanza multinivel europea adoita a prestarse escasa atención ao eido local. Sen embargo, os principios básicos sobre os que gravita a construcción europea –a primacía das normas do Dereito da UE, o seu efecto directo ou a cooperación leal entre administracións- ficarían moi mermados na súa eficacia se na implementación de políticas como, entre outras, as medioambientais, as relativas á libre circulación, á competencia ou ás axudas de estado non existira un firme compromiso a nivel municipal coa execución do Dereito comunitario. O curso prantexa unha achega xeral á estructura institucional e normativa da UE, á dinámica de aplicación do Dereito comunitario e, por último, ás implicacións esenciais que derivan desta para os entes locais.

Programa.

Módulo I. Estructura institucional e normativa da Unión Europea.

Tema 1. As institucións da Unión Europea.

Tema 2. As fontes do dereito da Unión Europea.

Módulo II. A aplicación do Dereito da Unión Europea.

Tema 3. Os principios básicos de aplicación do dereito da Unión Europea.

Tema 4. O incumprimento do dereito da Unión por parte dos entes locais.

Módulo III. Entes locais e Dereito da Unión.

Tema 5. Competencias locais e Dereito da Unión.

Tema 6. Mercado interior e autonomía local.

Módulo IV. Prácticas.

 

2) A ADAPTACIÓN DAS ORDENANZAS LOCAIS Á DIRECTIVA DE SERVIZOS (2ª edición)

Docentes: Marcos Almeida Cerreda (Prof. Dereito Administrativo USC); Concepción Campos Acuña (Secretaria do Concello de Vigo); Diana Santiago Iglesias (Prof. Dereito Administrativo USC); Carlos Teijo García (Prof. Dereito da UE, USC)

Duración: 30 horas.

Datas: 11 maio-29 maio. Sesión presencial: 29 de maio.

Obxectivos: Este curso proporciona aos os operadores locais galegos uns criterios comúns de aplicación da Directiva de servizos, favorecendo o cumprimento dos obxectivos da norma, na medida na que se evita que as solucións normativas locais na transposición sexan moi diferentes entre si e poidan chegar a dificultar a libre circulación. Co presente curso se pretende, por tanto, que os técnicos locais: se familiaricen coa Directiva de Servizos e a súa normativa de transposición en España; e conten con ferramentas e metodoloxías para realizar o proceso de avaliación e modificación das Ordenanzas dos respectivos concellos.

Programa.

Módulo I. Cuestións preliminares.

Tema 1. As Ordenanzas locais: natureza e réxime xurídico.

Tema 2. As novas técnicas de intervención administrativa: do control ex ante, a través de autorizacións, ao control ex post, en virtude de comunicacións previas e declaracións responsables.

Módulo II. A Directiva de Servizos e a normativa de transposición

Tema 3.  A Directiva de Servicios: xénese e contido.

Tema 4. A trasposición da Directiva de Servizos en España: análise das cuestións competenciais e do contido das normas de transposición.

Módulo III. As Ordenanzas locais e a Directiva de Servizos

Tema 5. A incidencia da Directiva de Servizos nas Ordenanzas locais: a modificación da LBRL.

Tema 6. Identificación, avaliación e modificación das Ordenanzas afectadas pola Directiva de Servizos.

Módulo IV. Práctica. Avaliacións da compatibilidade do contido de varias Ordenanzas prototipo coa  Directiva de Servizos .

 

3) OPORTUNIDADES DE FINANCIAMENTO COMUNITARIO PARA OS ENTES LOCAIS NO PERÍODO DE PROGRAMACIÓN 2014-2020: INSTRUMENTOS PARA A XESTIÓN EFICAZ DE PROXECTOS EUROPEOS (1ª edición)

Docentes: Pilar Luaces Méndez (Consultora); Carlos Teijo García (Prof. Dereito da UE, USC)

Duración: 30 horas.

Datas: 19 maio-9 xuño. Sesión presencial: 9 de xuño.

Obxectivos: As prioridades da Comisión Europea no marco do novo período de programación 2014-2020, plasmadas na estratexia Europa 2020 abren un marco renovado de posibilidades de financiamento para os Entes Locais. A saturación de información, xunto co descoñecemento das estruturas e mecanismos de xestión de proxectos financiados con cargo a fondos da Unión Europea, impiden que en ocasións os Entes Locais acudan a convocatorias de proxectos que poden cofinanciar as iniciativas dos entes locais, con achegas que oscilan entre un 50% e un 75% da intervención financiada. O obxectivo deste curso é familiarizar aos técnicos da Administración Local, dende unha perspectiva práctica, coas oportunidades de financiamento ofrecidas non só polo FEDER, senón tamén por outras iniciativas comunitarias que inciden no ámbito competencial dos Entes Locais.

Programa.

Módulo I. Prioridades do período de programación 2014-2020. Unha aproximación ás necesidades dos Entes Locais.

Módulo II.  Oportunidades de financiamento no período de programación 2014-2020.

2.1. Orientacións para a definición de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable no período 2014-2020 (FEDER). Semellanzas e diferenzas coas Iniciativas Urbanas e o Eixo 5 do FEDER (período 2007-2013).

2.2. Iniciativas comunitarias abertas aos Entes Locais: Life+, Creativa, Erasmus+ Mocidade, Europa cos Cidadáns.

Módulo III. A xestión de proxectos financiados con fondos da Unión Europea.

3.1. As autoridades de xestión dos programas

3.2. O proceso de solicitude

3.3. Características do Acordo de Subvención.

3.4.  Xestión económica dos proxectos: diferenzas en función dos principais programas: Gastos elixibles; Anticipos; Procedementos de licitación; Peculiaridades na xustificación de gastos de persoal; Declaracións de gasto e procedementos de reembolso: o circuíto financeiro; Descertificacións de gasto; Peche do proxecto.

 

4) O MARCO EUROPEO DE COLABORACIÓN ENTRE ENTIDADES DO SECTOR PÚBLICO LOCAL (1ª edición)

Docentes: Marcos Almeida Cerreda (Prof. Dereito Administrativo USC); Diana Santiago Iglesias (Prof. Dereito Administrativo USC); Carlos Teijo García (Prof. Dereito da UE, USC)

Duración: 30 horas.

Datas: 26 maio-16 xuño. Sesión presencial: 16 de xuño.

Obxectivos: A finalidade do curso é, por unha parte, sistematizar os criterios sobre a aplicabilidade da normativa de contratación ás relacións de colaboración entre entidades do sector público establecidos na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e nas novas Directivas de Contratación do Sector Público e analizar a normativa interna de contratación á luz dos mesmos e, por outra parte, examinar a regulación das relacións interadministrativas contida nos anteproxectos da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público (Consello de Ministros do 9 de xaneiro de 2015).

Programa.

Módulo I. As relacións verticais de colaboración entre entidades do sector público local

Tema 1: As relacións verticais de colaboración entre entidades do sector público local excluidas da normativa de contratación no Dereito da Unión Europea

Tema 2: As relacións verticais de colaboración entre entidades do sector público local excluidas da normativa de contratación no ordenamento xurídico español.

Tema 3: Cuestións prácticas: análise de instrumentos de colaboración vertical entre entidades públicas no ámbito local (sesión presencial).

Módulo II. As relacións horizontais de colaboración entre entidades do sector público local

Tema 4. As relacións horizontais de colaboración entre entidades do sector público local excluidas da normativa de contratación no Dereito da Unión Europea

Tema V. As relacións horizontais de colaboración entre entidades do sector público local excluidas da normativa de contratación no ordenamento xurídico español.

Tema VI. Cuestións prácticas: análise de instrumentos de colaboración horizontal entre entidades públicas no ámbito local (sesión presencial).