Acceso ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción. Prazo: do 01-04-2026 (9:00 h) ao 15-10-2026 (14:00 h).

Data: 

mércores, 1 Abril, 2026 (Todo o día) a xoves, 15 Outubro, 2026 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2026 pola que se convoca o acceso ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción para a anualidade 2026 (código de procedemento VI406I).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade 2026, o acceso ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI406I).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 8.655.322,74 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.821.61, correspondente á anualidade 2026 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 40% do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.

4. O importe que debe repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) A promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores públicos ou privados.

b) As de urbanización dirixidas ao paso dun ámbito de solo da situación de rural a urbanizado para crear, xunto coas correspondentes infraestruturas e dotacións públicas, unha ou máis parcelas aptas para a edificación ou uso independente e conectadas funcionalmente coa rede dos servizos exixidos pola ordenación territorial e urbanística.

c) A adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.

2. As vivendas que se promovan deberán cualificarse como vivendas protexidas no réxime que corresponda e respectar o disposto na normativa vixente en función da súa cualificación.

3. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

4. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous anos para os casos establecidos na letra c), salvo que, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e logo da solicitude do concello, se estableza un prazo maior por concorreren causas debidamente xustificadas no expediente. Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 15 de outubro de 2026.

4. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: pendiente publicación no DOG).

-Na Dirección Xeral do IGVS.

-Na Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS.

Descargas: