Data:

A FEGAMP celebrará o seu terceiro Encontro de alcaldesas e concelleiras baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio. O papel de Europa” o vindeiro xoves 26 de febreiro de 2026, no marco das conmemoracións o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026.- Baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio. O papel de Europa” a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrará o terceiro Encontro de alcaldesas e concelleiras onde abordarán boas prácticas e propostas de futuro vencelladas coas políticas de igualdade locais e europeas. Será o vindeiro xoves 26 de febreiro de 2025 en Santiago de Compostela, dentro das iniciativas da FEGAMP para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.
O encontro comezará coas intervencións de Cristina Hernández e María Quintana, directora xeral do Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade e directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, respectivamente. Nesa mesa tamén intervirá Alberto Varela, presidente da FEGAMP.
De seguido abordarase o “Impacto das políticas de igualdade europeas nos concellos galegos” coa proxección das intervencións de Dolors Montserrat, Iratxe García e Ana Miranda, eurodeputadas do PP, PSOE e BNG, respectivamente.
Proseguirase cun conversatorio con Eva López, científica e directora de Woman Emprende e impulsora de Innovatia 8.3, sobre os “Máis de 25 anos de impulso do emprendemento feminino en Galicia co apoio do Fondo Social Europeo”.
As “Novas políticas de igualdade para a transformación das entidades locais” tamén terán o seu espazo cunha mesa na que intervirán Margot Lamela, María González e Ana Patricia Torres, alcaldesas de Cee, A Rúa e Boborás, respectivamente.
O encontro rematará coa intervención final de María Barral, alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta executiva da FEGAMP.

Sede Electrónica
