Avaliación do Consello Federal da FEGAMP da xestión da Comisión Executiva e aprobación unánime da Conta xeral do 2025 e do Orzamento para 2026

Data: 

martes, 27 Outubro, 2026 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, destacou no seu informe os acordos coa Xunta para a mellora do financiamento do SAF, para a integración das UAD no SERGAS e para a Rede de Concellos contra o Acoso Escola, mentras que lamentou a fata de acordo na renovación do Convenioparaa xestión da biomasa das faixas secundarias.

“Aínda hai tempo para traballar en común e para acadar todo o consenso posible para a nova LALGA entre a Xunta e a FEGAMP”.

“Por fin ampliaron o fondo base incondicionado del Fondo de Cooperación Local, ao elevar ata os 170 millóns de euros a cantidade coa que se lle vai dotar, atendendo as reclamacións da FEGAMP tras anos co fondo base incondicionado «conxelado» nos 112 millóns de euros”.

“Se mantén o agravio entre o que reciben as escolas infantís privadas e as municipais para a gratuidade (ata os 320 euros/mes de media por praza privada, fronte os 78 euros/mes de media por praza municipal), e esta recorrente situación precisa ser resolta”.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), celebrou hoxe a reunión ordinaria do seu Consello Federal, o órgano de dirección máis importante entre asembleas, que avaliou a xestión da Comisión Executiva desenvolta dende o verán de 2025 que foi presentada polo seu presidente, Alberto Varela, no seu informe.

O presidente da FEGAMP comezou destacando o acordo de mellora do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa Consellería de Política Social, “acordo de mellora que non impide que dende a FEGAMP se siga a reclamar que dende a Xunta e o Goberno cubran o custo do SAF en cumprimento da Lei de Dependencia, como tamén se recolle no texto do acordo”.

Alberto Varela tamén destacou a reunión co ministro de Dereitos Sociais, reclamándolle que “dos fondos transferidos polo Goberno á Xunta de Galicia para atender á Dependencia se destinara unha parte deles con carácter finalista para atender o financiamento do SAF, co obxectivo de acadar o máis cedo posible o seu financiamento ao 100% entre Xunta de Galicia e Goberno”. Está cuestión cobrou máis importancia coa aprobación da reforma da Dependencia en xuño pasado pola que a achega estatal a través do nivel mínimo de protección chegará aos 270,8 millóns de euros en 2026 e preto de 361 millóns en 2027.

O presidente da FEGAMP fixo mención no informe ao acordo coa Consellería de Sanidade para a plena integración no SERGAS das 13 Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD) dependentes ata entón dos concellos de Burela, Cangas do Morrazo, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, O Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e Vigo, “sendo unha das reivindicacións históricas do municipalismo galego, solicitado en reiteradas Asembleas da FEGAMP”.

Outro acordo coa Xunta de Galicia destacado por Alberto Varela no informe foi a posta en marcha da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, sendo “a loita contra o acoso escolar e o labor por unas contornas escolares seguras, inclusivas, respectuosas e sen cabida para o acoso escolar, un eido de principal importancia para os concellos galegos”.

Por contra,  Varela tamén se detivo no informe na falta de acordo coa Consellería de Medio Rural na renovación do Convenio para a prevención de incendios e a xestión da biomasa nas faixas secundarias, xa que non se tiveron en conta as achegas presentadas pola FEGAMP. “Despois dos incendios que se padeceron no verán de 2025 era preciso unha revisión dos contidos e traballos do convenio polo que dende á FEGAMP se buscou a maneira de seguir negociando na procura do maior consenso posible sobre os contidos no novo convenio”.

O proceso que está a levar a futura nova Lei de Administración Local (LALGA) tamén ocupou boa parte do informe do presidente da FEGAMP, lembrando as numerosas ocasións nas que se reclamou á Consellería de Presidencia o espazo de traballo necesario no que abordar os contidos e as achegas do municipalismo galego sobre unha lei tan importante para as entidades locais galegas. “Dende a FEGAMP avogouse por abordar a futura nova LALGA dende un novo Pacto Local coa Xunta de Galicia, apostando por retomar as canles que o propiciaron hai agora 20 anos, para relanzalo de xeito corresponsable e satisfactorio para ambas partes”.

Ao final, as alegacións da FEGAMP tiveron que presentarse no rexistro da Xunta e se está coñecer o percorrido das mesmas revisando o texto que comezou a súa tramitación no Parlamento de Galicia. Con todo, “aínda hai tempo para traballar en común e para acadar todo o consenso posible para a nova LALGA entre a Xunta e a FEGAMP” salientou Alberto Varela.

Relacionado coa futura nova LALGA está o financiamento local dependente da Xunta de Galicia, e sobre este asunto o presidente da FEGAMP destacou no informe que, despois de coñecer na reunión cos concelleiros de Presidencia e de Facenda a proposta da Xunta para o financiamento local para 2027 “por fin ampliaron o fondo base incondicionado del Fondo de Cooperación Local, elevando ata os 170 millóns de euros a cantidade coa que se lle vai dotar, atendendo as reclamacións da FEGAMP tras anos co fondo base incondicionado «conxelado» nos 112 millóns de euros, pero quedando aínda marxe de mellora no financiamento que recibimos os concellos dende a Xunta”.

Sobre a gratuidade das Escolas infantís, Alberto Varela sinalou no informe que para o curso 2026-2027 “se mantén o agravio entre o que reciben as privadas e as municipais (ata os 320 euros/mes de media por praza privada, fronte os 78 euros/mes de media por praza municipal)”, lembrando que na última Asemblea da FEGAMP aprobouse unanimemente demandar a dotación dun fondo específico anual con destino aos concellos que cubra a totalidade dos custos das escolas infantís municipais derivados da gratuidade establecida pola Xunta. Polo que “esta recorrente situación precisa ser resolta, evitando agravios entre as escolas infantís municipais e as privadas, e que isto poida repercutir no futuro e viabilidade das escolas infantís municipais”.

Despois das intervencións dos asistentes sobre o informe, o Consello Federal da FEGAMP aprobou por unanimidade a Conta xeral do exercicio 2025 e o Orzamento para 2026.