Data:
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Orde do 28 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT110C).
BDNS (Identif.): 806936.
Obxecto e finalidade
Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas aos museos e outros centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos para a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguranza, a documentación, a investigación, a difusión e, por outra, a convocatoria das axudas para o ano 2025 (código de procedemento CT110C).
Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, con exclusión de:
a) Fundacións ou padroados en cuxo órgano de goberno participe a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e achegue recursos para financiar o seu funcionamento.
b) Entidades titulares de museos e centros museísticos destinatarios de subvencións nominativas coa mesma finalidade, consignadas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, nas partidas de gasto correspondentes á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Financiamento e contía das axudas
1. As axudas convocadas para 2025 terán unha contía total de douscentos mil euros (200.000,00 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 nas aplicacións orzamentarias 43.03.432A.760.4 (100.000,00 €) e 43.03.432A.781.2 (100.000,00 €).
2. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.
A xestión desta orde faise mediante tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.
3. Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025.
A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
4. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 10.000,00 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado que se vaia realizar.
5. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Actividades subvencionables
1. Será susceptible de subvención ao abeiro desta orde a realización das seguintes actuacións e actividades:
a) Inventario, catalogación e/ou documentación gráfica ou audiovisual en soporte dixital dos fondos materiais e inmateriais que compoñen as coleccións.
b) Adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos museográficos e documentais do centro na exposición permanente ou nas áreas de reserva.
c) Actualización da exposición permanente nos contidos do seu discurso ou na súa museografía, incluído o desenvolvemento e produción de contidos complementarios audiovisuais e multimedia, audioguías ou recursos documentais doutro tipo postos á disposición do público nas salas para mellorar o acceso aos fondos.
d) Organización de exposicións temporais acordes co ámbito territorial e/ou temático do centro.
e) Realización de actividades didácticas e lúdico-culturais relacionadas co ámbito temático do centro.
f) Creación ou renovación da páxina web do centro.
g) Traballos de investigación sobre o patrimonio material e inmaterial relacionado coas súas coleccións ou co ámbito temático do centro.
h) Traballos de edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas sobre as coleccións ou o ámbito temático do centro en calquera soporte en forma de catálogos, monografías, publicacións periódicas, folletos, produtos audiovisuais e multimedia.
i) Elaboración de documentos e estudos para a mellora e a innovación na xestión: plans museolóxicos, cartas de servizos, estudos de público, elaboración de plans de comunicación e márketing cultural, diagnósticos previos e planificación de medidas en favor da igualdade de mulleres e homes, así como medidas para a inclusión na xestión interna e na programación de actividades do museo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 806936): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude: https://www.cultura.gal/gl/servizos
Descargas:
| Arquivos | Tamaño |
|---|---|
| 557.56 KB | |
| 367.38 KB |






Sede Electrónica