AXUDAS DESTINADAS Á COLABORACIÓN NO FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE ARQUIVOS 2016. PRAZO: 06-05-2016

Data: 

xoves, 7 Abril, 2016 (Todo o día) a venres, 6 Maio, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. (BDNS Identif.: 302971).

Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos.

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto unha das seguintes liñas de actuación:

1. A organización de fondos documentais dos arquivos galegos e o seu tratamento arquivístico.

2. A dixitalización do patrimonio documental custodiado en arquivos galegos segundo as seguintes características:

a) Arquivos de entes locais: dixitalización de actas de Pleno custodiadas nos arquivos municipais.

b) Arquivos de universidades: dixitalización de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia.

c) Arquivos de entidades privadas sen ánimo de lucro: dixitalización de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia.

Os documentos propostos para dixitalizar estarán previamente organizados e descritos nunha base de datos segundo a Norma galega de descrición arquivística (NOGADA). Os proxectos deberán incluír a creación dun arquivo dixital de conservación permanente e a creación dunha copia dixital para a difusión na páxina web do Portal de Arquivos de Galicia.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas as universidades, os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 77 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no portal de Arquivos de Galicia.

O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de setenta e sete mil setecentos corenta euros (77.740 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías.

• 10.20.432A.744.4: 15.000 €.

• 10.20.432A.760.0: 32.740 €.

• 10.20.432A.781.0: 30.000 €.

2. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será de 5.000 € para proxectos de organización de fondos documentais e de 2.000 € para proxectos de dixitalización, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

3. Este importe de 5.000 € ascenderá a 7.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

4. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 65 702.97 KB
PDF icon DOG Nº. 65 - EXTRACTO428.24 KB