AXUDAS DESTINADAS Á COLABORACIÓN NO FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE ARQUIVOS 2017. PRAZO: 11-05-2017

Data: 

mércores, 12 Abril, 2017 (Todo o día) a xoves, 11 Maio, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 28 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. BDNS (Identif.): 342004.

Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos (CT130A).

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Requisitos para participar

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de arquivos de Galicia.

2. O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

3. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de setenta e sete mil setecentos corenta euros (77.740 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

10.20.432A.760.0: 57.740 €

10.20.432A.781.0: 20.000 €

2. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 5.000 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

3. Este importe de 5.000 € ascenderá a 7.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por más dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

4. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que nunha aplicación quede crédito dispoñible, poderá incrementar o crédito da outra aplicación.

6. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: 

galer_a_fotos