Axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos. Prazo: 14-03-2025

Data: 

sábado, 15 Febreiro, 2025 (Todo o día) a venres, 14 Marzo, 2025 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT130A).

BDNS (Identif.): 812625.

Obxecto e finalidade

Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos, e por outra, a convocatoria destas axudas para o ano 2025 (código de procedemento CT130A).

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas entes locais e as entidades privadas sen ánimo de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Requisitos para participar

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións e normas técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de Arquivos de Galicia https://arquivosdegalicia.xunta.gal/g

2. Os solicitantes deberán dispoñer dunha aplicación informática de xestión documental que siga as normas técnicas de arquivos para a execución do proxecto.

3. O responsable técnico do proxecto será persoa licenciada universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

4. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de cento oitenta e cinco mil euros (185.000 €), coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

13.03.432A.760.0. Entes locais: 150.000 €.

13.03.432A.781.0. Entidades sen fin de lucro galegas: 35.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 812625): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Cultura.

Descargas: