AXUDAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE CERTAMES DE GANDO BOVINO SELECTO. PRAZO: 26-06-2023 // 31-10-2023

Data: 

venres, 26 Maio, 2023 (Todo o día) a luns, 26 Xuño, 2023 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

Orde do 22 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR562A). BDNS (Identif.): 697297.

 Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR562A).

2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno no que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes, que deberá ser supervisado polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, que participarán no desenvolvemento do evento e asesorarán sobre as datas idóneas de celebración do certame.

2. Para poder participar nos certames, os animais:

a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente, e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.

b) Estarán inscritos nos Libros Xenealóxicos das razas correspondentes.

3. Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facendo constar os símbolos de identidade corporativa.

Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2023, de douscentos mil euros (200.000,00 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2023, ambos incluídos.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais previas ao evento, o manexo, a estabulación e alimentación dos mesmos durante a celebración do certame.

b) O transporte dos animais para a celebración do evento.

c) Gastos derivados do acondicionamento para o evento do recinto onde teña lugar.

d) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión do certame.

e) Os custos publicitarios e o material promocional derivados.

f) Gastos de mantemento, seguridade e limpeza do recinto.

g) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

h) Os honorarios e gastos do persoal técnico que participe no evento (xuíces recoñecidos oficialmente, directores da poxa, etc.).

i) Gastos en trofeos e escarapelas.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de medio ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables os premios en metálico, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa celebración do certame.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os certames celebrados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes a contar desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2023.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 697297): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (Consellería do medio Rural).

 

Descargas: