AXUDAS DIRIXIDAS A ESCOLAS DE MÚSICA DEPENDENTES DE CONCELLOS, ASOCIACIÓNS OU FUNDACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO. PRAZO: 03-07-2017

Data: 

sábado, 3 Xuño, 2017 (Todo o día) a luns, 3 Xullo, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 19 de maio de 2017 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música non dependentes desta consellería. BDNS(Identif.): 348687.

Obxecto

Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos (procedemento ED314E).

b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (procedemento ED314D).

Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2017.

Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas os titulares dos centros de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Neste senso, o importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Importe total das axudas

Para as escolas de música dependentes de concellos será de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.460.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de corenta mil euros (40.000 euros).

Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro será de cincuenta mil euros (50.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de oito mil euros (8.000 euros).

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos