AXUDAS DO PLAN DE MELLORA DE CAMIÑOS RURAIS 2023-2024. PRAZO: 03-04-2023

Data: 

sábado, 4 Marzo, 2023 (Todo o día) a luns, 3 Abril, 2023 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E). BDNS (Identif.): 678912.

Obxecto

O obxecto é establecer as normas de xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

Entidades beneficiarias

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 17.999.842,00 euros, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2023-00002) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

2023: 6.248.145,00 €.

2024: 11.751.697,00 €.

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_01 Servizos básicos), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación. Para estes efectos, enténdese por rede viaria as propias vías do asentamento, as vías que conecten entidades de poboación entre si ou coa rede viaria principal.

Son actuacións de ampliación, mellora ou mantemento as seguintes:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou empalmes. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

c) Mantemento: tanto do firme existente, como das súas marxes (limpeza e perfilado de noiros e cunetas), reforzos dos terrapléns.

2. Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres proxectos.

Cada proxecto poderá comprender un máximo de tres actuacións. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da Resolución do 28 de febreiro de 2023 pola que se aproba o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 678912): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: agader.xunta.gal

-Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

-No teléfono 981 54 73 69.

-De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.

 

 

Descargas: