AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO MEDIO RURAL (APROL RURAL). PRAZO: 09-10-2017

Data: 

sábado, 9 Setembro, 2017 (Todo o día) a luns, 9 Outubro, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

 

ORDE do 29 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017.

Obxecto das axudas

Fomentar o emprego en colaboración coas entidades locais no medio rural a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (TR351G), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias

Os concellos cuxa poboación sexa inferior a 10.000 habitantes no padrón municipal de habitantes do ano 2016 segundo as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística en 24 de xaneiro de 2017, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

Requisitos das obras ou servizos

As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 16.200 €.

Para o grupo de cotización 2: 13.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 12.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 11.400 €.

Para o grupo de cotización 5: 10.800 €.

Para o grupo de cotización 6: 10.200 €.

Para o grupo de cotización 7: 9.600 €.

Para o grupo de cotización 8: 9.000 €.

Para o grupo de cotización 9: 9.000 €.

Para o grupo de cotización 10: 9.000 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. Para os efectos destas subvencións non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I desta orde, que irá acompañada da documentación a que se fai referencia no artigo 8, que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: