Data:
Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade
Resolución do 20 de agosto de 2015, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola que se convoca en 2015 a concesión de axudas económicas a corporacións locais para o desenvolvemento de programas de prevención das drogodependencias, con cargo ao Fondo de Bens comisados por tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados, en aplicación da Lei 17/2003, de 29 de maio.
Obxecto
1. Co obxectivo de fomentar a realización de actividades saudables alternativas ao consumo de substancias tóxicas no tempo de ocio xuvenil, convócanse axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, a corporacións locais españolas, que cumpran os requisitos sinalados no artigo 2.
2. Os programas subvencionados haberán de desenvolverse no exercicio de 2015 e ata o 30 de setembro de 2016.
3. En todos os puntos non especificados desta convocatoria estarase ao establecido nas «Bases reguladoras» destas subvencións aprobadas por Orde SCO/2054/2006, do 15 de xuño, «Boletín Oficial do Estado» do día 28, e, en todo caso, ao disposto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no seu Regulamento aprobado por Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo.
Solicitantes
As axudas económicas poderán ser solicitadas por aquelas corporacións locais que reúnan os seguintes requisitos mínimos:
a) Ser capitais de provincia ou de comunidade autónoma ou tratarse de cabildos ou consellos insulares. Igualmente poderán concorrer á presente convocatoria aqueles municipios que teñan unha poboación de dereito igual ou superior a 100.000 habitantes, segundo o Padrón Municipal.
b) Ter elaborado un plan de drogas no seu ámbito territorial.
Programas a financiar
1. As axudas están especialmente dirixidas a desenvolver actividades con menores e mozos e poderán ser solicitadas para financiar programas de promoción de alternativas de ocupación do ocio, fundamentalmente en fins de semana ou períodos vacacionais, que ofrezan oportunidades para participar en actividades lúdicas, deportivas, culturais e sociais, e que se dirixan a evitar, reducir ou substituír a implicación dos mozos en actividades relacionadas co consumo de drogas. Estes programas deben incluír actividades saudables e, polo tanto, libres de drogas, que han de ser adecuadas ao desenvolvemento evolutivo, intereses e expectativas dos destinatarios e concibidas dentro das políticas globais de prevención do municipio. Consideraranse especialmente relevantes aqueles programas de carácter global, que inclúan actividades de prevención do consumo de alcohol por menores en espazos de ocio, valorándose positivamente nestas a implicación do sector da hostalaría e outros axentes sociais.
2. Dadas as características dos programas a financiar, cada corporación local poderá presentar un só programa.
3. Os programas deberán responder aos seguintes requisitos mínimos:
a) Estarán dirixidos prioritariamente a menores de idade e mozos de ata 30 anos de idade, favorecendo actitudes de igualdade de xénero.
b) Desenvolveranse ao longo de tres meses consecutivos ou, no caso de períodos vacacionais, durante 20 días seguidos, cunha duración mínima de 108 horas de actividade no primeiro caso ou 60 horas no segundo.
c) Os horarios das actividades serán adecuados ás características dos destinatarios.
d) Estarán incluídos en plans ou programas máis amplos de prevención das drogodependencias, levándose a cabo en colaboración cos responsables da política de drogas do municipio solicitante.
e) Deberán considerar a planificación dun procedemento de avaliación de resultados como un dos seus obxectivos centrais.
f) Garantirase a utilización de espazos comunitarios de tipo deportivo, cultural ou lúdico, como polideportivos, centros culturais e xuvenís, etc.
g) Considerarán procedementos para garantir a seguridade dos usuarios durante o desenvolvemento das actividades.
h) Garantirán a non dispoñibilidade nin a promoción de alcohol ou outras drogas.
i) A corporación local deberá cofinanciar o programa con, polo menos, o 30% do custo final deste. Non serán considerados custos do programa os gastos de persoal propio municipal, funcionario ou laboral, nin os de mantemento habitual dos locais utilizados.
Prazo
O prazo da presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta convocatoria no «Boletín Oficial do Estado». A instancia de solicitude (anexo I) e o programa para o que se solicite subvención (anexo II) haberán de presentarse necesariamente dentro do devandito prazo.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
BOE Nº. 216 | 348.22 KB |