Data:
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas financiadas ao abeiro do plan Camiña rural para o período 2025-2026 e se convocan as correspondentes ao ano 2025, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR701E).
BDNS (Identif.): 810547.
Obxecto
1. O obxecto desta resolución é aprobar as bases reguladoras das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro do plan Camiña rural 2025-2026 e convocar as correspondentes ao ano 2025.
2. As axudas consistirán en subvencións de capital.
O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), atendendo aos límites máximos de axuda que poden corresponder a cada concello en función dos criterios socioeconómicos que se determinan no anexo I.
3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR701E.
Entidades beneficiarias
Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter remitido ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.
c) Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Contía
A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 19.498.875 euros, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 15-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2016-0008) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por anualidades:
2025: 9.499.451,92 €.
2026: 9.999.423,08 €.
A convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Actuacións subvencionables
1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais e que dean acceso, en calquera punto do seu trazado, cando menos, a dúas parcelas agrícolas.
Para estes efectos, terán a consideración de parcelas agrícolas:
–Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada no Sixpac como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras...) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).
– Parcelas en que se localice unha instalación agrograndeira.
– Parcelas que figuren como declaradas na solicitude de axuda para os pagamentos directos da PAC do ano 2024.
Son actuacións de ampliación, mellora ou mantemento as que a seguir se relacionan:
a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.
b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.
c) Mantemento: tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilado de noiros e cunetas), reforzos dos terrapléns.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 810547): http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index
-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
- Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: agader.xunta.gal
- Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
- No teléfono 981 54 73 69.
- De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.






Sede Electrónica