Data:
Fondo Galego de Garantía Agraria
Resolución do 14 de agosto de 2025 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, e se convocan para o curso escolar 2025/26 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).
BDNS (Identif.): 853159.
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os custos de loxística e repartición, de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas nesta resolución.
Igualmente, é obxecto desta resolución a convocatoria das devanditas axudas para o curso escolar 2025/26, consonte o disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1308/2013 e (UE) núm. 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) núm. 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) núm. 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.
A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de axuda para a subministración de produtos aos centros escolares, e o procedemento MR265C, de solicitude de pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.
Mediante esta resolución convócanse para o curso escolar 2025/26, en réxime de concorrencia non competitiva, consonte o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas para a subministración, ao alumnado de centros escolares, dos produtos sinalados no anexo I desta resolución.
Persoas solicitantes da axuda para a subministración e distribución dos produtos
1. Poderán solicitar a axuda os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2 que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.
Para poder participar no programa escolar as persoas solicitantes deberán asumir os compromisos que figuran no anexo II.
2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante que fose aprobada para participar no Programa no curso escolar 2025/26, de acordo co establecido nesta resolución.
3. Non se lle poderá conceder a axuda a aqueles centros educativos que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.
4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas solicitantes asinarán unha declaración de cumprimento dos ditos requisitos, que se contén no anexo II desta resolución.
Persoas destinatarias
Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:
a) Educación infantil de segundo ciclo.
b) Educación primaria.
c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria (ESO), o bacharelato e a formación profesional básica e de grao medio.
As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.
Importe
O importe máximo aplicable ao produto é o establecido no anexo I da resolución.
Financiamento
1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 15.80.713F.780.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2025/26, polo importe máximo de 1.008.341,51 euros, segundo as seguintes anualidades e grupo de produto:
Exercicio 2025: 100.834,15 euros, dos cales 37.397,88 euros corresponden ao programa de leite (35.959,50 euros de fondos Feaga e 1.438,38 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 63.436,27 euros ao programa de froita (60.996,41 euros de fondos Feaga e 2.439,86 euros de fondos da Xunta de Galicia).
Exercicio 2026: 907.507,36 euros, dos cales 336.580,96 euros corresponden ao programa de leite (323.635,54 euros de fondos Feaga e 12.945,42 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 570.926,40 euros ao programa de froita (548.967,69 euros de fondos Feaga e 21.958,71 euros de fondos da Xunta de Galicia).
2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase á dispoñibilidade orzamentaria, polo que se deberá tramitar o oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.
3. As ditas dotacións orzamentarias poderanse incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma. Neste suposto, tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
Prazo de presentación de solicitudes de autorización e axuda
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 853159): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/853159
-Na Dirección do Fogga.

Sede Electrónica