AXUDAS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE. PRAZO: 09-11-2015

Data: 

sábado, 10 Outubro, 2015 (Todo o día) a luns, 9 Novembro, 2015 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria no ano 2015.

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar no ano 2015 das subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de programas, actividades, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o tratamento integral da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural; así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de prestarlles unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular, a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou estean nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Coa dita finalidade establécense os seguintes programas:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (en diante Programa de conciliación).

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero (en diante Programa de prevención da violencia de xénero).

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (en diante Programa de apoio aos CIM).

2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou conxunta, respecto de cada un dos programas previstos no número 1 anterior. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida, darase prevaleza a solicitude de xestión compartida.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións, comúns ou específicos de cada uns dos programas de axuda ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

3. Ademais do anterior, para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información ás mulleres (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento. Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo, mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.

4. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2013 ao Consello de Contas de Galicia e, ademais, no caso dos CIM ter presentada a memoria de funcionamento anual do CIM correspondente ao ano 2014 ante a Secretaría Xeral da Igualdade.

5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1941.95 MB