Data:
Ministerio de Cultura e Deporte
Extracto da resolución do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música pola que se convocan axudas excepcionais ao sector do teatro e do circo correspondentes ao ano 2020. BDNS (Identif.): 517437
Obxecto e finalidade
Axudas excepcionais ás artes escénicas no ámbito do teatro e o circo en réxime de concorrencia competitiva, no marco das competencias deste organismo e como consecuencia do impacto negativo da crise sanitaria do COVID-19, tal e como se recolle na Real Decreto Lei 17/2020, do 5 de maio.
A presente convocatoria tamén ten por obxecto as axudas correspondentes a proxectos culturais cuxa execución finalizou completamente antes da entrada en vigor do estado de alarma (Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo) que se rexerán pola Orde CUL/2912/2010, do 10 de novembro.
As axudas concederanse de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación e mediante o procedemento de concorrencia competitiva.
Bases reguladoras
Orde CUL/2912/2010, do 10 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva do Ministerio de Cultura e dos seus organismos públicos. URL español: http://www.boe.es/diario_ boe/ txt. php?ide=BOE-A-2010-17455.
Beneficiarios
Persoas físicas, sempre que estean en alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, así como as persoas xurídicas, públicas ou privadas, que se dediquen ás artes escénicas e da música, que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución para cada modalidade de axuda. Os solicitantes deberán ter establecemento permanente en calquera dos Estados da Unión Europea e demais Estados do Espazo Económico Europeo, con plena igualdade de trato.
Quedan excluídos aqueles solicitantes que teñan a súa residencia fiscal en países e territorios considerados paraísos fiscais no Real Decreto 1080/1991, do 5 de xullo. Así mesmo, poderán solicitar axuda as persoas, entidades e agrupacións indicadas no artigo 2.2 da Orde CUL/2912/2010, do 10 de novembro.
Modalidades de axuda
As modalidades de axuda que se convocan son as que a continuación se enumeran:
A. Liña de apoio ao mantemento das estruturas das artes escénicas
A1. Axudas para proxectos integrais empresariais a empresas privadas produtoras de actividades de artes escénicas (teatrais e circenses).
A2. Axudas a entidades sen ánimo de lucro responsables de artes escénicas (teatrais e circenses).
A3. Axudas a empresas e fundacións privadas xestoras de salas de teatro e circo responsables de programacións escénicas de teatro, circo e artes escénicas de rúa e/ou responsables de proxectos estables de creación, exhibición, investigación e formación en teatro, circo e artes escénicas de rúa.
A4. Axudas a federacións, confederacións e asociacións profesionais de artes escénicas (teatrais e circenses) de ámbito estatal e proxección internacional.
B. Liña de apoio ás actividades escénicas e proxectos culturais (teatrais e circenses).
B.1 Axudas a xiras nacionais e internacionais, xiras de coproduccionesinterautonómicas e producións no estranxeiro.
B.2 Axudas a programacións escénicas, residencias artísticas e actividades de investigación e formación promovidas por salas privadas.
B.3 Axudas a festivais, feiras, mostras, circuítos e outros eventos de carácter teatral e circense.
Contía
O importe total máximo imputable da convocatoria será de 21.383.648 euros.
A contía máxima individual das axudas non poderá superar o 90 por cento do custo total do proxecto, actividade ou estrutura. No caso de que o peticionario fose unha entidade local, esta contía máxima non poderá superar o 65 por cento do custo total. A contía máxima individual das axudas non poderá superar as seguintes cantidades:
Modalidades/Contía máxima individual (€):
A1/300.000
A2/200.000
A3/250.000
A4/100.000
B1/150.000
B2/150.000
B3/250.000
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Boletín Oficial do Estado.