AXUDAS A INVESTIMENTOS NON PRODUTIVOS VINCULADOS Á REALIZACIÓN DE OBXECTIVOS AGROAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS NO ÁMBITO DOS PARQUES NATURAIS DE GALICIA. PRAZO: 08-08-2016

Data: 

sábado, 9 Xullo, 2016 (Todo o día) a luns, 8 Agosto, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2016 e 2017, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 311294.

Finalidade e obxecto

1. O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como o mellorar o estado da paisaxe agraria galega dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica, por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e cos seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para acadar obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas, senón que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondente aos exercicios orzamentarios dos anos 2016 e 2017.

2. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios/as das axudas reguladas nesta orde:

a) Agricultores/as e titulares de terreos forestais privados, entendendo por titular tanto persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na Rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.

b) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural, na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.

c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural, constituídas con anterioridade á publicación desta orde. Darase prioridade a aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

2. Só se admitirá unha única solicitude e proxecto por solicitante.

3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ámbito territorial

As actividades incluídas no artigo seguinte deberanse levar a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en particular no ámbito territorial dos parques naturais e das súas areas de Influencia.

En ningún caso se financiarán actuacións en solo forestal que estean previstas na medida do artigo 25 do Regulamento (UE) 1305/2013.

As actuacións que se vaian levar a cabo deberán realizarse en parroquias definidas como rurais ou intermedias nos termos definidos no PDR de Galicia 2014-2020.

Actividades subvencionables e importe

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades:

– Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e ao desenvolvemento de usos recreativos:

– Creación e/ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindeiros e bordos non cultivados.

– Actuacións para a mellora da paisaxe rural, como restauración de muros de cachotaría e canteiría.

– Mellora de sendeiros rurais e accesos aos predios relacionados coa mellora do carácter de uso público dos espazos naturais, sistemas de condución e drenaxes necesarias nas zonas de acceso.

– Creación de rutas e áreas recreativas,. así como os investimentos necesarios orientados a proporcionar o equipamento de información e interpretación adaptados ás características dos espazos naturais como elementos interpretativos, paneis informativos, observatorios ou elementos de análoga natureza asociados ás rutas ou ás áreas de uso público destinadas a visitantes ou habitantes.

– Sinalizacións de camiños.

– Outras de análoga natureza.

b) Actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional.

– Rehabilitación de elementos tradicionais de valor patrimonial da paisaxe rural: hórreos, milladoiros, cabanas, valados, fontes e calquera outra de análoga ou similar natureza dentro dos espazos naturais. Non serán elixibles os gastos de restauración de elementos do patrimonio histórico nin os arqueolóxicos.

c) Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais:

i. Actuacións para a preservación de hábitats prioritarios ou de interese comunitario ou de hábitats de especies prioritarias, ameazadas ou de interese comunitario:

– Creación de cercados e outras obras necesarias para facilitar a conservación, incluídas a protección das augas e do solo.

– Restauración de zonas húmidas, corrección de drenaxes e restauración de uceiras.

– Modificación de estruturas existentes para permitir o desprazamento da fauna salvaxe e outras actuacións de mellora da conectividade.

– Investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes.

– Eliminación de especies exóticas invasoras.

– Outras actuacións de diverso tipo que contribúan á preservación dos hábitats ou das especies.

ii. Actuacións de preservación de ecosistemas naturais ou seminaturais.

iii. Outras actuacións sobre ecosistemas naturais ou seminaturais entre as cales se menciona, a modo de exemplo, a recuperación de sebes nas estremeiras das explotacións e nas beiras das zonas comúns, así como a recuperación de soutos.

2. En ningún caso serán subvencionables aquelas actuacións que non sexan respectuosas coas finalidades e cos obxectivos dos parques naturais e da Rede Natura 2000 ou que poidan pór en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos, recollidas segundo as prescricións contidas na normativa comunitaria, estatal e autonómica aplicables a estes espazos. Tampouco serán subvencionables aquelas medidas que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2007-2013, salvo que transcorresen máis de 5 anos desde o último pagamento.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque natural ou da zona de influencia socioeconómica. Darase prioridade ás accións que se realicen dentro do parque sobre aquelas outras que estean fóra.

4. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros/proxecto no caso de que o beneficiario sexa un concello, e de ata 12.000 euros no caso dos beneficiarios das alíneas a), c e d). Só se admitirá unha única solicitude de axuda e un único proxecto.

5. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes débense manter afectos para o fin para o cal se lles concedeu a subvención, como mínimo durante cinco anos.

6. O IVE non será subvencionable.

Os custos xerais vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade, a que se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, non poderán superar o 12 % do custo subvencionable do investimento.

Segundo o artigo 60 do Regulamento (UE) 1305/2013, consideraranse unicamente subvencionables os gastos efectuados despois de presentarse a correspondente solicitude á autoridade competente, con excepción dos custos xerais referidos no punto anterior, e a compra de terreos ata un 10 % dos custos subvencionables da operación de que se trate, en relación coas operacións de investimento efectuadas no marco de medidas incluídas no ámbito de aplicación do artigo 42 do TFUE.

Non serán subvencionables os custos de mantemento e funcionamento.

7. As actividades que se van realizar cumprirán co condicionado establecido no anexo VII desta orde.

8. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, o interesado deberá contar, no momento do inicio dos traballos, coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que poida resultar de aplicación. No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

9. O beneficiario poderá subcontratar totalmente a actividade ou acción subvencionada, respectando en todo caso as prescricións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, así como na normativa que regula a contratación do sector público. En ningún caso se poderán subcontratar actividades que aumenten o custo da actividade subvencionada e non acheguen valor engadido ao seu contido. Non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes contratos: a) os que aumenten o valor de execución da operación sen achegar un valor engadido b) os subscritos con intermediarios ou asesores en que o pagamento consista nunha porcentaxe de custo total da operación, a non ser que o beneficiario xustifique ese pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou dos servizos prestados.

10. O cartel e as placas explicativas serán subvencionables.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas ao Servizo de Conservación da Natureza dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: