AXUDAS A INVESTIMENTOS NON PRODUTIVOS VINCULADOS Á REALIZACIÓN DE OBXECTIVOS AGROAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS NO ÁMBITO DOS PARQUES NATURAIS DE GALICIA (PDR DE GALICIA 2014-2020). PRAZO: 12-03-2020

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2020 e 2021, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A). BDNS (Identif.): 495098.

Obxecto

O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000 e os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas ou que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2020 e 2021, en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MT819A).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titular tanto as persoas físicas como xurídicas propietarias ou arrendatarias, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na Rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.

b) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural, na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.

c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde. Darase prioridade a aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

Ámbito territorial

Para os efectos do seu financiamento a través do PDR 2014-2020, as axudas desta convocatoria aplicaranse a proxectos que se desenvolvan no ámbito territorial definido polas zonas rurais (ZPP) ou intermedias (ZIP) dos parques naturais de Galicia e as súas áreas de influencia, conforme a clasificación establecida polo grao de urbanización a nivel de parroquia [fonte: Instituto Galego de Estatística: clasificación do grao de urbanización das parroquias (GU 2016)]. Para os efectos desta orde, unha vez comprobado que non existen parroquias definidas como densamente poboadas (ZDP) no ámbito territorial dos parques naturais, todas as solicitudes dos parques naturais de Galicia e as súas áreas de influencia deben considerarse admisibles en relación con este requisito.

En ningún caso se financiarán actuacións en solo forestal que estean previstas na medida do artigo 25 do Regulamento (UE) 1305/2013.

Actividades subvencionables e importe

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades:

a) Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento de usos recreativos:

1º. Creación e/ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindeiros e bordos non cultivados.

2º. Actuacións para a mellora da paisaxe rural, como restauración de muros de cachotaría e cantería.

3º. Mellora de carreiros rurais.

4º. Creación de rutas e áreas recreativas, así como os investimentos necesarios orientados a proporcionar o equipamento de información e interpretación adaptados ás características dos espazos naturais como elementos interpretativos, paneis informativos, observatorios ou elementos de análoga natureza asociados ás rutas ou ás áreas relacionados coa mellora do carácter de utilidade pública de Natura 2000 destinadas a visitantes ou habitantes.

5º. Sinalizacións de camiños e carreiros.

b) Actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional.

1º. Rehabilitación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais, representativos nas explotacións agrícolas, hórreos, milladoiros, cabanas, valados, fontes e calquera outra de análoga ou similar natureza, ou necesarios para contribuír ao mantemento da paisaxe rural tradicional. Realizarase dentro dos espazos naturais e conforme os condicionados do anexo VI. Non serán elixibles os gastos de restauración de elementos do patrimonio histórico nin os arqueolóxicos catalogados como bens de interese cultural ou incluídos en catálogos municipais.

c) Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais:

1º. Actuacións para a preservación de hábitats prioritarios ou de interese comunitario ou de hábitats de especies prioritarias, ameazadas ou de interese comunitario:

i. Creación de cercas e outras obras necesarias para facilitar a conservación, incluída a protección das augas e do solo.

ii. Restauración de zonas húmidas, corrección de drenaxes e restauración de queirogais;

iii. Modificación de estruturas existentes para permitir o desprazamento da fauna salvaxe e outras actuacións de mellora da conectividade.

iv. Investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes.

v. Eliminación de especies exóticas invasoras.

vi. Outras actuacións de diverso tipo que contribúan á preservación dos hábitats ou das especies.

2º. Actuacións de preservación de ecosistemas naturais ou seminaturais.

3º. Outras actuacións sobre ecosistemas naturais ou seminaturais entre as que se menciona, a modo de exemplo, a recuperación de sebes nos límites das explotacións e nas beiras das zonas comúns ou a recuperación de soutos.

2. En ningún caso serán subvencionables aquelas actuacións que non sexan respectuosas coas finalidades e obxectivos dos parques naturais e da Rede Natura 2000 ou que poidan poñer en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos, recollidos segundo as prescricións contidas na normativa comunitaria, estatal e autonómica aplicables a estes espazos. Tampouco serán subvencionables aquelas medidas que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2007-2013 ou PDR 2014-2020, salvo que transcorresen máis de 5 anos desde o último pagamento.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque natural ou da área de influencia socioeconómica. Darase prioridade ás accións que se realicen dentro do parque sobre aqueloutras que estean fóra.

4. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros/proxecto no caso de que a persoa beneficiaria sexa un concello e de ata 12.000 euros/proxecto no caso de persoas beneficiarias das alíneas a), c) e d) do artigo 2. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto.

5. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes débense manter afectos para o fin para o cal se lles concedeu a subvención, como mínimo durante cinco anos.

6. O IVE non será subvencionable.

Os custos vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios relativos á asistencia en arquitectura, enxeñaría, ao asesoramento en xeral ou sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade, a que se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, non poderán superar o 12 % do custo subvencionable do investimento.

Segundo o artigo 60 do Regulamento (UE) 1305/2013, unicamente se considerarán subvencionables os gastos efectuados despois de presentarse a correspondente solicitude á autoridade competente, con excepción dos custos xerais previstos no artigo 45.2.c) deste regulamento, en relación coas operacións de investimento efectuadas no marco de medidas incluídas no ámbito de aplicación do artigo 42 do TFUE.

Non serán subvencionables os custos de mantemento e funcionamento.

7. As actividades que se vaian realizar cumprirán co condicionado establecido no anexo VI desta orde.

8. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, a persoa interesada deberá contar coas licenzas e autorizacións preceptivas que exixan as diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puider resultar de aplicación. No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

9. A persoa beneficiaria poderá subcontratar totalmente a actividade ou acción subvencionada, respectando en todo caso as prescricións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, así como na normativa que regula a contratación do sector público. Igualmente e para garantir a moderación de custos, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán solicitarse, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas xunto coa solicitude de axuda . En ningún caso se poderán subcontratar actividades que aumenten o custo da actividade subvencionada e non acheguen valor engadido ao seu contido. Non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes contratos: a) os que aumenten o valor de execución da operación sen achegar un valor engadido b) os celebrados con persoas intermediarias ou asesoras en que o pagamento consista nunha porcentaxe de custo total da operación, a non ser que a persoa beneficiaria xustifique ese pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou dos servizos prestados.

Cando a persoa beneficiaria sexa unha Administración pública, ademais de cumprir co disposto na normativa de contratación do sector público exixirase tamén a presentación de tres ofertas no caso de contratos menores.

10. O panel explicativo a que se refire o artigo 16 desta orde será subvencionable.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Descargas: