Axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia (Feader - Plan estratéxico da PAC 2023-2027). Prazo: 29-04-2024

Data: 

xoves, 28 Marzo, 2024 (Todo o día) a luns, 29 Abril, 2024 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT819A).

BDNS (Identif.): 750896.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia socioeconómica (código de procedemento administrativo MT819A).

Estas axudas convócanse en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva para os anos 2024 e 2025 e serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural - subintervención 68710_01.-RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.

2. A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes das terras agrícolas galegas dentro dos parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia socioeconómica. Este fin levarase a cabo por medio de proxectos que contribúan a manter e recuperar a biodiversidade natural, con particular atención ás especies protexidas e aos hábitats naturais ou seminaturais, terrestres ou acuáticos afectados por explotacións agrarias, gandeiras ou forestais.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas físicas e xurídicas, ben sexan propietarias ou arrendatarias, titulares de terreos agrícolas, gandeiros e forestais privados e agrupacións destas (sociedades civís ou explotacións de titularidade compartida) incluídos nos parques naturais de Galicia.

b) Os concellos incluídos total ou parcialmente nun parque natural.

c) As asociacións ambientais, as comunidades de montes veciñais en man común e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas nun parque natural e debidamente inscritas no rexistro de asociacións.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural, constituídas con anterioridade á publicación desta orde. Priorizaranse aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 1.629.892 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros/proxecto no caso das persoas beneficiarias do artigo 2.1.b) e de 12.000 euros no caso das persoas beneficiarias referidas no artigo 2.1.a), c) e d) da orde de axudas.

3. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

 Actuacións subvencionables

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actuacións realizadas dentro do perímetro do parque natural ou da súa área de influencia socioeconómica:

a) Liña 1. Actuacións dirixidas á conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas actuacións que teñan un impacto favorable na mitigación e/ou adaptación ao cambio climático.

1º. Actuacións para a restauración de ecosistemas naturais e conservación do patrimonio natural:

i. Creación de cercados naqueles casos en que sexa recomendable a limitación de acceso a persoas ou gando a unha determinada superficie para a protección das augas ou do solo, así como outras obras necesarias para facilitar a preservación dos hábitats ou das especies;

ii. Restauración de zonas húmidas, corrección de drenaxes e restauración de queirogais;

iii. Investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes;

vi. Eliminación de especies exóticas invasoras e/ou restauración da vexetación característica do espazo;

v. Actuacións de preservación de ecosistemas naturais ou seminaturais (prados de sega, soutos…).

vi. Iniciativas de conservación de polinizadores;

vii. Outras actuacións de diverso tipo que contribúan á preservación dos hábitats ou das especies.

2º. Actuacións destinadas a reverter a tendencia demográfica de declive das poboacións de aves ligadas a medios agrarios:

i. Accións de xestión integral das zonas húmidas utilizadas por estas aves;

ii. Mantemento e mellora do estado de conservación dos hábitats utilizados durante o período reprodutivo;

iii. Recuperación da área de nidificación, mantemento da superficie de landa e matogueira na área de nidificación, optimización da cobertura arbustiva na área de nidificación;

iv. Incremento da superficie e da calidade de hábitats en aves de cultivos extensivo;

v. Outras actuacións que contribúan á mellora das poboacións de aves ligadas a medios agrarios.

3º. Realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats.

4º. Campañas de concienciación ambiental e actividades de información/sensibilización relacionadas coa conservación da rede Natura 2000 e a biodiversidade (charlas, xornadas informativas, exposicións, actividades interactivas, etc).

5º. Accións que teñan un impacto favorable sobre a mitigación e/ou adaptación ao cambio climático como a elaboración e actualización de plans en relación coa mitigación do cambio climático e adaptación dos ecosistemas naturais e a biodiversidade aos seus posibles efectos.

b) Liña 2. Actuacións dirixidas á mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna.

1º. Proxectos de restauración da vexetación natural dos sistemas riparios.

2º. Plantación de sebes arbustivas e arbóreas, liñas de arboredo e cantos elementos naturais poidan ser significativos para a conservación da biodiversidade nos lindeiros de terreos agrícolas e prados, así como nas marxes da infraestrutura viaria.

3º. Eliminación ou permeabilización de barreiras que permitan a conexión entre zonas que alberguen hábitats ou poboacións afectadas pola fragmentación.

4º. Modificación de estruturas existentes para permitir o desprazamento de fauna salvaxe, así como outras melloras da conectividade.

5º. Creación e restauración de vías de conectividade no medio natural como poden ser as vías pecuarias, así como outro tipo de infraestrutura verde que mellore a conectividade.

Enténdese a infraestrutura verde como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que nos provén.

c) Liña 3. Actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnolóxico-tradicional.

1º. Investimentos para a conservación de elementos da paisaxe que xeren un impacto positivo na biodiversidade ou na conservación de elementos construtivos tradicionais (hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, pallozas, muíños, alvarizas...).

2º. Restauración e mantemento de terrazas de pedra, bancais, e outros elementos de sistemas agrarios tradicionais que contribúan á conservación da biodiversidade en áreas cultivadas de elevada pendente.

d) Liña 4. Actuacións de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

1º. Proxectos de restauración ou adecuación de sendas e camiños rurais relacionadas con melloras de utilidade pública da Rede Natura 2000, en que poderá estar incluída a mellora da sinalización tanto orientativa como informativa e/ou interpretativa.

2º. Proxectos de creación de sendas e pasarelas fóra da zona I e II do espazo Natura 2000, en que se poden incluír as sinalizacións necesarias tanto orientativas coma informativas e/ou interpretativas.

3º. Proxectos mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza, refuxios de observación.

4º. Proxectos de aparcadoiros disuasorios na zona III Rede Natura 2000 ou nas inmediacións das parroquias con espazos situados dentro da Rede Natura 2000.

2. En ningún caso serán subvencionables as seguintes actuacións e investimentos:

a) Proxectos de restauración de elementos do patrimonio histórico ou arqueolóxicos catalogados como bens de interese cultural ou incluídos en catálogos municipais.

b) Actuacións correspondentes con investimentos recollidos no artigo 73.3. do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

c) Aquelas actuacións ou actividades en xeral que non sexan respectuosas coas finalidades e obxectivos da Rede Natura 2000, dos plans reitores de uso e xestión dos parques naturais, ou que poidan poñer en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos, recollidos segundo as prescricións contidas na normativa comunitaria, estatal e autonómica aplicables a estes espazos.

d) Aquelas medidas que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2014-2020, salvo que transcorresen máis de 5 anos desde o último pagamento.

e) Dentro das accións recollidas no artigo 4.1.a).1.ºv, como a restauración de prados de sega e soutos de castiñeiros, non serán subvencionables as actuacións produtivas realizadas en terreos agrícolas obxecto de subvención a través doutras medidas financiadas polo Feader.

f) A compra e instalación de maquinaria ou equipamentos de segunda man, nin os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou instalación do proxecto.

g) Os investimentos en infraestruturas a gran escala, tal e como están definidas no punto 4.1.8 do PEPAC.

h) A adquisición de terreos ou edificios.

3. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes débense manter afectados para o fin para o cal se lles concedeu a subvención, como mínimo durante cinco anos desde a data do derradeiro pagamento.

4. As actuacións obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, a interesada deberá contar coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puidese resultar de aplicación.

No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 750896): http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

-No Servizo de Patrimonio Natural da xefatura territorial correspondente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Descargas: