Data:
Consellería do Medio Rural
Orde do 28 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017. BDNS (Identif.): 328291.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda.
2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención, que se corresponden co procedemento MR605A, son as seguintes:
a) Liña I: axudas para realizar prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas, coa finalidade de prevención de incendios.
b) Liña II: axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques.
3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.c), 21.1.d), 24 e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC).
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Unha mesma persoa poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda se non coinciden na mesma superficie.
4. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos no prazo establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non están en situación de crise conforme a normativa comunitaria e comprobarase a veracidade desta declaración nos controis sobre o terreo que se realicen.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Importe
1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2017 e 2018, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:
– 13.02.713B.770.0.2016 00209 por un importe de 5.000.000 €, distribuídos do seguinte xeito:
– 1.000.000 € ano 2017.
– 4.000.000 € ano 2018.
– 13.02.713B.770.0.2016 00210 por un importe de 2.500.000 €, distribuídos do seguinte xeito:
– 500.000 € ano 2017.
– 2.000.000 € ano 2018.
A intensidade da axuda para estas actuacións será do 100 %. A axuda calcularase sobre o custo real do investimento determinado no correspondente proxecto técnico e tendo en conta o anexo VIII en que figura o cadro de importes máximos subvencionables por cada tipo de actuación.
Prazo
O prazo de presentación das solicitudes será de corenta e cinco días, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 8 | 1.4 MB |
DOG Nº. 8 - EXTRACTO | 456.65 KB |
DOG Nº. 36 - CORRECCIÓN DE ERROS. | 438.55 KB |